ALCALDÍA

Santiago acollerá varias reunións de máximo nivel durante a presidencia española da Unión Europea

26/08/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, reuniuse en Raxoi co secretario de Estado para a Unión Europea, Diego López Garrido. Na mesma, constatouse que Santiago será unha cidade cun especial protagonismo durante a presidencia española da UE, do 1 de xaneiro ao 30 de xuño de 2010.

López Garrido anunciou que Santiago será sede de "eventos e relevantes reunións ao máximo nivel" dos 27 países da UE durante a presidencia española. En particular, referiuse a reunións xa concretadas en ámbitos como o medio ambiente, o medio rural e mariño, as industrias culturais ou as relacións das matemáticas coa industria.

Estas reunións, unidas a outros eventos previstos, converterán a Santiago nunha "referencia para Europa durante a presidencia Europea", en palabras do secretario de Estado. Mesmo apuntou que "Santiago será unha das grandes estrelas da presidencia da UE". Neste sentido destacou a coincidencia deste mandato coa celebración do Xacobeo 2010 e a "proxección cultural" que a cidade terá durante este ano tamén grazas á presidencia europea.

Pola súa parte, o alcalde agradeceu a deferencia do secretario de Estado coa visita, que pecha a rolda de contactos que López Garrido veu mantendo en diferentes cidades españolas como preparación da presidencia. Sánchez Bugallo ofreceu a máxima colaboración municipal para levar a cabo todos os eventos previstos na cidade.

López Garrido tamén anunciou que durante Galicia será escenario dalgún Consello de Ministros da UE, se ben o lugar e as datas aínda están por concretar. Finalmente, agradeceu a colaboración do alcalde dunha cidade como Compostela á que cualificou como "unha das cidades máis europeas de Europa".

Compartir: