PROMOCIÓN ECONÓMICA

O Servizo de Apoio á Empresa de Promoción Económica atendeu 170 consultas no que vai de 2009

25/08/2009 O Servizo de Apoio á Empresa (SAE) da Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo atendeu consultas de 170 persoas no que vai de 2009. A maioría destas persoas solicitaron información sobre varios aspectos relacionados coa constitución dunha empresa.

O SAE pon a disposición das persoas emprendedoras, empresas e comercios, medios humanos e materiais para axudalos no desenvolvemento, consolidación e crecemento dos seus negocios. Está localizado na rúa do Hórreo, número 100, e presta servizos de información, orientación e asesoramento, formación, e intermediación laboral. Pódese contactar co SAE a través do teléfono 981 568 752 ou do correo electrónico sae@santiagodecompostela.gal.

Case a totalidade das persoas usuarias do servizo demandan información sobre as subvencións que poden solicitar para por en marcha un proxecto empresarial. A segunda consulta máis frecuente é sobre a forma xurídica que máis lle convén ao negocio que teñen previsto por en marcha. Tamén hai consultas xenéricas, orientativas, de persoas que aínda non teñen definido o seu proxecto empresarial.

49 das 170 persoas atendidas no que vai de 2009, o 28,82%, solicitaron información sobre as convocatorias do programa de emprendemento Compostela Activa 2009: o Concurso de novas ideas empresariais, ao que se presentaron 51 solicitudes, e Axudas para a creación de novas empresas, ás que optan 28 novos negocios.

O SAE cubre as diferentes etapas polas que pasa unha empresa desde que aínda é un proxecto ata que xa está consolidada, coa prestación de servizos de información, orientación e asesoramento, formación, e intermediación laboral. Cada unha destas etapas conta con ferramentas propias e intégrase en programas adaptados ás necesidades que en cada momento presenta a empresa, a persoa emprendedora ou o empresariado.

Compartir: