CULTURA

O Festival dos Abrazos entra na recta final dunha segunda edición marcada pola multiculturalidade e polo éxito dos Off

22/08/2009 A segunda edición do Festival dos Abrazos, organizada polaa Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais, afronta a súa recta final. Con novas propostas musicais, teatrais, circenses, audiovisuais, de danza, circo e outras artes completarase un programa de máis de 130 actividades.

De luns a sábado desenvolveranse os últimos eventos nos 32 lugares singulares da cidade que acollen o festival, desde grandes concertos a intervencións efémeras de procedencias variadas. Nesta etapa de remate a quenda de abrazos culturais viaxa de Galicia a Madrid, Asturias, Andalucía, Cataluña, Brasil, Portugal, Palestina, Chile, Marrocos ou Xapón.

O espazo reservado as noites do luns no cemiterio de Bonaval para a experimentación musical ocuparao na nova semana o grupo madrileño Neopercusión. Juajo Rubio, Rafa Galvez e Juanjo Guillem, xuntos dende 1994, preocúpanse por manter vivo o patrimonio instrumental de percusión aplicándoo a todos os estilos musicais cunha perspectiva vangardista. Antes, na praza da Oliveira, os galegos 2us amosarán a súa visión da música contemporánea coa súa fusión de clarinete e guitarra. E o venres 28, os asturianos Zem presentarán no parque Vista Alegre o resultado da súa exploración dos camiños do jazz experimental e o rock psicodélico.

Outro grande encontro na praza da Quintana
O último grande encontro intercultural do mes na praza da Quintana estará protagonizado pola Oquesta Chekara de Tetuán y Jóvenes Flamencos. Un grupo de músicos marroquís con cincuenta anos de historia acolle a catro artistas andaluces das novas xeracións para explorar conxuntamente as orixes andalusís do flamenco. Un diálogo fluído que mestura violíns, cante e baile na busca dunha renovación permanente e que supón un desafío ao abismo do estreito de Xibraltar.

Logo de máis de vinte días de festival, aínda quedan espazos da cidade por descubrir. É o caso do parque Zeca Afonso, no que João Afonso homenaxeará ao seu tío o mércores 26. Será un concerto especial no que as cancións portuguesas de onte e de hoxe abrollarán para lembrar a memoria familiar e colectiva.

Circo, danza, teatro e cine
Alén das grandes citas musicais da semana, outras disciplinas creativas terán o seu propio lugar nos últimos abrazos culturais ao patrimonio monumental compostelán. O martes 25 volve o circo ás Praterías cos Malabreikers. A especialidade deste dúo madrileño é a comedia de rúa xestada desde os barrios periféricos da cidade: malabares, acrobacias e humor con sabor a retro-break.

Outro dúo, neste caso de danza, actuará o mércores nun espazo íntimo da cidade. A recoñecida compañía barcelonesa Erre que Erre amosa no xardín de Fonseca a súa peza No solo (de neuronas vive el cerebro enamorado). Dous bailaríns cunha mesma respiración e un mesmo pulso escenifican a poética das relacións de amor. Cando a química deixa de ter efecto xorde a arritmia.

No apartado teatral destaca o Cabaret Molotov do Teatro de Marionetas do Porto, unha aproximación ao circo musical de monicreques da Europa dos anos cincuenta, o venres no Teatro Principal. E o xoves 27, a Compañía de Teatro Gestual de Chile, en dobre sesión na praza de Abastos, cun espectáculo cargado de imaxinación a través do que descubrir os obstáculos fatais do labirinto da cidade.

No espazo audiovisual, gozaremos da segunda semana de Curtocircuito na Rúa, con sesións o martes, o mércores e o xoves para ver curtas experimentais de todo o mundo, a mellor colleita do último ano en España e as propostas chegadas de América e Europa. Ademais, a Fundación Araguaney Puente de Culturas achega outra obra do Festival Amal no recanto máis apropiado para coñecer a realidade de Palestina: a ruela de Xerusalén.

Tras o éxito das primeiras exhibicións da sección máis arriscada do festival, os Abrazos Off corroboran a súa eficacia como plataforma de lanzamento. No último tramo do festival terán a oportunidade de amosar as súas propostas Political Personal Disaster, coa súa peculiar maneira de transformar un parchís nun instrumento de música electrónica; a soprano Makiko Kitago, co seu Hashi Fest, un espectáculo multidisciplinar para trazar unha ponte de Galica ao Xapón; e as "cantoras tabernarias": Guadi Galego, Uxía e Ugia Pedreira, acompañadas por Pedro Pacual ao acordeón, fan unha revisión do legado musical das tascas.

O peche será o sábado 29 no parque de Bonaval coa Festa da Creación. Unha romaría popular que comezará ás doce da mañá e na que intervirán Higuénico Papel, Xuacu Amieva, Linho do Cuco, as pandereteiras de Laxoso, A Banda das Crechas, Guavajelly e Political Personal Disaster.

Compartir: