ALCALDÍA

A praza do Obradoiro, punto de encontro para os nenos saharauís acollidos en Galicia durante o verán

22/08/2009 Os preto de 600 rapaces saharauís acollidos durante o verán por familias galegas reuníronse na praza do Obradoiro nun encontro no que tamén participaron as súas familias de acollidas. Procedentes de 160 concellos galegos, os rapaces reencontráronse poucos días antes de emprender a volta cara o seu fogar.

A alcaldesa compostelá en funcións, Mar Martín, e a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, participaron neste acto, organizado pola Delegación Saharauí para España e a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. Tamén tomaron a palabra representantes destas dúas entidades e dos nenos saharauís. O encontro foi un acto de agradecemento ás familias da acollida e unha oportunidade para reivindicar a liberdade do Sáhara e o compromiso internacional para unha solución pacífica ao exilio do pobo saharauí.

Un ano máis, o programa "Vacacións en Paz" permitiu a chegada a diversos lugares de España de nenos e nenas saharauís para pasar os meses de xullo e agosto. Este verán de 2009, as familias compostelás acolleron a sete rapaces. Os rapaces e as rapazas que participan neste proxecto teñen entre 7 e 14 anos e proveñen dos campamentos de refuxiados saharauís que se encontran na zona de Tinduf, no suroeste de Alxeria.

Con esta iniciativa preténdese ofrecer a estes nenos nacidos no medio da guerra e sometidos ás súas duras consecuencias, unha posibilidade de coñecer formas distintas de vida, de maneira que isto contribúa non só á súa formación, senón a mellorar a comunicación e o entendemento entre os pobos e a promover valores de solidariedade coa cooperación dos composteláns.

Compartir: