ALCALDÍA

O alcalde acompañou ao ministro de Fomento na visita ás obras do AVE entre Santiago e Ourense

21/08/2009 O ministro de Fomento, José Blanco, visitou as obras da Liña de Alta Velocidade (LAV) Ourense-Santiago. Na visita estivo acompañado polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo; o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández; o delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro; e o presidente de ADIF, Antonio González Marín.

Blanco comprobou sobre o terreo a evolución dos traballos de construción en dous dúas das súas infraestruturas máis singulares: o túnel de Castro e o viaduto sobre o río Ulla, no subtramo Silleda (Dornelas)-Vedra-Boqueixón, situado entre as provincias de Pontevedra e da Coruña. En particular, asistiu ao calado do túnel de Castro, situado na Estrada (Pontevedra), e que conta cunha lonxitude total de 475 metros, incluíndo dous falsos túneles á entrada e saída do mesmo.

Pouco antes, o ministro de Fomento e o resto de autoridades puideron comprobar o grao de avance das obras do viaduto sobre o río Ulla, que ten unha lonxitude total de 630 metros. Está apoiado sobre 9 pilas de formigón armado ancoradas directamente ao terreo, así como sobre un gran arco de 168 metros de luz sobre o río.

Á vista do actual grao de avance das obras e dos compromisos de inversión adquiridos, Blanco asegurou que se porá en servizo a Alta Velocidade entre Santiago e Ourense en 2011.

Compartir: