CULTURA

O Festival dos Abrazos achega á Quintana os ritmos balcánicos da festa xitana da Fanfare Ciocarlia

21/08/2009 O Festival dos Abrazos achega a fin de semana a Compostela a oportunidade única de gozar no contorno privilexiado da praza da Quintana os sons balcánicos da Fanfare Ciocarlia, unha singular orquestra de metais que repasa a herdanza ancestral, minoritaria e case clandestina da música xitana.

Serán dúas horas de festa e de metais atronadores que comezarán coa proposta local Aló Djangó, un cabaré concerto que narra a historia do jazz e do swing acústico, especialmente do gypsy swing, cuxo máximo representante é Django Reinhardt. O concerto comezará ás 22:00 horas na praza da Quintana e está incluído na programación do Feito a Man, que organiza a Asociación Cultural Cidade Vella, e ten un custo de 10 euros en venda anticipada, nos locais da Asociación, e de 12 no despacho de billetes o propio día do evento.

Os integrantes da Fanfare Ciocarlia son romaníes, fillos dunha heteroxénea nación sen Estado. Ademais de traballar como obreiros e campesiños, dedicábanse a poñerlles música ás vodas e bautizos de Zece Prajani, un pobo situado ao Este de Romanía e a un paso da República Autónoma de Moldavia, ao final dun camiño imposible ao pé das montañas. "Cando eu lle conto á xente que vimos de Zece Prajini, é como si lles dixera que veño da fin do mundo", di o trompetista Costica Trifan, "pero é que a fin del mundo é o lugar ideal para tocar a nosa música".

Música transmitida de xeración en xeración
Na zona hoxe coñecida como Bulgaria, Moldavia, Macedonia, Serbia ou Romanía, a música transmítese de xeración en xeración sen interrupción ningunha. Os músicos dedican as fins de semana a acompañar vodas e outras cerimonias. Tocan ás presas, ás presas, e existe unha fantástica simbiose entre os máis novos e os maiores. Cando os mestres tocan os temas máis difíciles, os máis novos moven os dedos sobre as trompetas, respectuosamente, en silencio, esperando que lles dean entrada e lles permitan tocar. Acaban os concertos baixando do escenario para tocar rodeados polo público, mentres un deles axita unha pandeireta e, cun billete de 20 euros pegado na fronte, pasa o sombreiro na busca dun sobresoldo.

Hai anos que a Fanfare Ciocarlia deixou de tocar nas vodas de Zece Prajani. Agora é habitual nos escenarios máis prestixiosos do mundo. As tubas, as trompetas, os saxofóns e a percusión son tocados con desenfreo absoluto da man destes virtuosos dos metais a un ritmo imparable durante horas, mesmo durante días, nas salas máis exclusivas de Europa, Estados Unidos e Xapón. E alá por onde pasan, como se dun frautista de Hamelín se tratara, deixan ríos de xente bailando arredor dun músico que axita unha pandeireta cun billete de 20 euros pegados na fronte, contaxiando o entusiasmo máis surrealista e poético da tradición musical dos ciganos romanos.

Les Trois de Cora, o domingo 23
Cora La Diva, Oli Kit Choco e Alex Butler despídense do Festival dos Abrazos, ofrecendo a súa fusión de música e teatro, Les Trois de Cora, ás 20:30 horas, na Vía Sacra. Cora é unha cantante do barrio de Belleville que, fascinada polas grandes voces femininas do século XX, minte descaradamente sobre un pasado dourado ao carón de Edith Piaf, Juliette Gréco ou Joséphine Baker.

Oli, músico e sedutor fracasado, namorouse desa diva inexistente. E Alex aproxímase a Oli pola admiración por este tipo sen vergoña. É a última oportunidade do público para, por unha parte, achegarse á chanson francesa e, por outra, coñecer unha morea de anécdotas sobre os barrios da cidade das luces.

Compartir: