EMPREGO

Máis de 200 persoas que participaron en 2008 en programas de Promoción Económica accederon ao mercado laboral

20/08/2009 Ata 212 persoas que participaron en 2008 en distintos programas da Concellaría de Promoción Económica e Emprego accederon ao mercado laboral. A esta cifra, na que non están incluídas as 49 insercións acadadas polo Proxecto Crear V, rematado en abril de 2009, cómpre engadir as 204 ofertas de emprego tramitadas a través do Servizo de Intermediación Laboral.

Os datos están sacados do capítulo 11 do Estatístico 2009, elaborado polo servizo de Estatística, que se pode consultar na páxina web da Concellaría www.maiscompostela.org, no apartado Observatorio Estatístico. O obxectivo da publicación, que recolle máis de 8.000 datos e da que se editaron 500 exemplares, é amosar a evolución e a situación actual do Concello de Santiago a través dunha análise rigorosa, en cifras, da súa realidade económica, social e cultural.

Obradoiros e Plan FIP
A través do Proxecto Crear IV, desenvolvido entre outubro de 2007 e abril de 2008, e no que participaron 200 usuarios/as, accederon ao mercado laboral, 110 persoas. O obxectivo do Proxecto Crear é facilitar o acceso ao mercado laboral a persoas con especiais dificultades de inserción ou reinserción: mulleres, mocidade sen emprego anterior, desempregadas/os de longa duración, inmigrantes e emigrantes retornados/as e mulleres e homes con algún tipo de discapacidade.

A esta cifra engádense as 60 persoas que participaron no Obradoiro de Emprego Compostela Natural, desenvolvido entre setembro de 2007 e setembro de 2008. As obras realizadas polos/as alumnos/as traballadores consistiron na rexeneración do cauce e apertura dun paseo á beira do río Sarela, de 800 metros de longo por 1,35 de ancho, entre a igrexa do Carme de Abaixo e Casas da Ribeira de San Lourenzo. Outras 12 persoas participaron no programa Compostela Inserta, un proxecto novedoso que tivo como obxectivo facilitar o acceso ao mercado laboral de colectivos de difícil inserción a través da creación de empresas en actividades produtivas consideradas novos xacementos de emprego.

O resto de inseridos pertencen aos cursos do Plan FIP 2008 (Formación e Inserción Profesional), que teñen como obxectivo formar a persoas desempregadas en especialidades consideradas novos xacementos de emprego. Segundo reflicte o Estatístico, en 2008 accederon ao mercado laboral 30 alumnos/as dos/as 82 que participaron nos cursos de Carpintería, Fontanería, Instalación de sistemas de enerxía solar térmica, Cantería e Xardinería, impartidos no Centro de Formación Ocupacional de Sanxuás de Aríns.

Compartir: