CULTURA

Póñense á venda os abonos para a décima edición do Ciclo de Lied de Santiago

19/08/2009 O xoves 20 de agosto póñense á venda no servicio telefónico de taquilla de Caixa Galicia (teléfono 902 434 443) os abonos para a décima edición do Ciclo de Lied de Santiago de Compostela, que se celebrará durante os meses de setembro e outubro. O abono para os catro concertos ten un prezo de 15 euros. As entradas soltas para cada un dos concertos poden adquirirse a partir do 8 de setembro (6 euros). Tanto as entradas como os abonos tamén se poderán adquirir na billeteira do Teatro Principal a partir do 7 de setembro.

Este ciclo, organizado pola Concellaría de Cultura e a Asociación Galega da Lírica, consta de catro concertos que como cada ano teñen lugar no Teatro Principal. O círculo máxico dos mestres do lied é o título desta especial edición na que se cumple o décimo aniversario deste pequeno miragre musical compostelán, o Ciclo de Lied, no que a música é a auténtica e única protagonista. Cunha década de historia, o de Santiago é un dos únicos tres ciclos de lied organizados en España.

O simple enunciado dos nomes dos artistas que colaboraron co Ciclo de Lied nestes dez anos fala por si só da súa calidade. Entre outros, Monica Groop, Thomas Allen, Christopher Maltman, Bernarda Fink, François Le Roux, Mark Padmore, Camilla Tilling, Sarah Walker, Laura Claycomb, Andrew Kennedy, Joan Rodgers, John Mark Ainsley, Robert Holl, Stephan Genz, Miah Persson, Anne Schwanewilms, Christianne Stotijn e Measha Brueggergosman contribuíron co seu gran talento, entrega e profesionalidade a definir o particular espírito dun certame que atesoura xa unha rica historia.

10 anos de lied en Santiago
O Ciclo de Lied de Santiago caracterízase dende o seu nacemento pola orixinalidade á hora de presentar cada ano unha visión diferente deste escasamente difundido xénero musical. E protagonista de excepción dende a súa creación é o espléndido pianista inglés Roger Vignoles. Xeneroso e sensible artista benquerido do público compostelán, Roger Vignoles é a alma artística do ciclo, como codirector e como pianista nos catro concertos que cada ano configuran a programación.

Este ano ofrécese de novo un plantel de destacados cantantes especialistas no xénero do lied e de recoñecido prestixio internacional: o barítono austríaco Florian Boesch (venres 11 de setembro), a soprano sueca Camilla Tilling (martes 22 de setembro), o tenor alemán Werner Güra (martes 29 de setembro) e a mezzosoprano arxentina Bernarda Fink (xoves 15 de outubro). Dous deles actúan por primeira vez no Ciclo de Lied compostelán, ao que regresa unha artista de gran personalidade e sensibilidade como Bernarda Fink, cantante moi ligada a este ciclo que deixou un recordo imborrable nas súas actuacións no Teatro Principal nas edicións do 2001 e 2003.

Compartir: