CULTURA

O son da txalaparta e os cantos nómades do deserto fúndense no concerto de Oreka Tx e Aziza Brahim

19/08/2009 O Festival dos Abrazos ofrece o xoves 20 outra oportunidade para presenciar un encontro intercultural nunha das prazas máis emblemáticas da cidade. Dous patrimonios musicais distantes fúndense na Quintana no concerto conxunto que darán Oreka Tx e Aziza Brahim ás 22:00 horas. Os txalapartaris máis coñecidos de Euskadi marcarán deste xeito o ritmo dos cantos nómades do Sháhara, nun concerto que ten como ferramentas a experimentación e a fusión e como obxectivo a interacción cultural.

O encontro entre Aziza Brahim e Oreka Tx xurdiu hai un ano no aniversario do irmandamento da cidade de Donostia coa Daira de Bojador. Dende aquela primeira colaboración en directo mantiveron unha frutífera relación musical, ampliada ao longo de 2009 nove cunha xira por toda Europa.

Esta unión responde ao espírito do proxecto Nömadak Tx, que levou aos músicos donostiarras Harkaitz Martínez e Igor Otxoa a viaxar á India, Laponia, Mongolia e ao Sáhara para facer gravacións con músicos locais. A posta en escena da actuación concrétase nun concerto-viaxe que mestura a música en directo coa proxección de imaxes dese periplo. Será unha fiestra dende a que ver e coñecer diferentes lugares e tradicións.

Xa ao mediodía, ás 13:30 horas, Oreka Tx ofrecerán unha actuación especial ao carón da Porta da Música, no parque de Bonaval, co título Txlapartas para Chillida. Esta intervención supón un achegamento á cultura vasca a través do diálogo entre o son do seu instrumento máis representativo e da escultura dun dos seus artistas máis recoñecidos, Eduardo Chillida.

Concertos comando e diversión ié-ié
O Coro da Rá continúa pululando por Compostela como cada xoves no Festival dos Abrazos. Esta vez camuflarase entre os paseantes do arco de Fonseca (praza do Obradoiro), un dos lugares da cidade máis cobizables entre os músicos pola súa boa acústica. Como acotío, os membros desta singular coro sorprenderán aos viandantes co seu animado repertorio de soul, blues, jazz e pop.

Esta formación, residente na Escola de Música Estudio de Santiago, caracterízase polas súas intervencións sorpresa, que denomina Concerto Comando. No lugar e momento menos pensado, de súpeto fórmase un coro de aparentes transeúntes que se van sumando á voz inicial. Cantan dúas ou tres pezas e dispérsanse coa mesma rapidez e discreción. O xoves da semana seguinte será a última oportunidade para velos a unha hora e nun lugar fixo no Festival dos Abrazos, dentro do programa Feito a Man.

Tamén repiten concerto Juan de Pablos e Los Chavales, na praza de Feixoo ás 21:30 horas. Outra cita do Feito a Man fundamental para os amantes das cancións sesenteiras e os seguidores de Flor de Pasión. Los Chavales recrean a música da era dourada do pop, os recorrentes anos sesenta, mirando aos grupos que daquela existían sobre a pel de touro: Brincos, Bravos, Ángeles e Salvajes e algunha xoia descoñecida de formacións non tan famosas coma Los Botines, Los Gritos ou Los Archiduques. Completan a escaleta con adaptacións propias de temas de bandas inglesas (The Birds, The Kinks) e americanas (Love, The Sonics), traducidas ao idioma de Cervantes. Nesta ocasión estarán acompañados polo locutor máis instruído na corrente ié-ié, Juan de Pablos.

Tecnoloxía, tradición e circo
Logo do éxito que acadaron na súa anterior actuación, Malandrómeda volven rapear na rúa das Casas Reais ás 22:30 horas. Estes representantes do hip hop en galego xa gañaron adeptos no Festival dos Abrazos coas súas rimas de serie B, que mesturan tecnoloxía e tradición. O imaxinario das súas letras bebe tanto dos estantes do fondo do videoclub coma do que se filosofa nas tabernas. O resultado está gravado en tres traballos: Os estraños sempre traen malas novas, Chegan tarde EP e o single 7.

Tamén coa intención de incitar ao público a bailar, Os Primordiais animarán a praza de Fonseca ás 20:00 horas. Esta banda, formada por Marcelo González e Luís Martíns, fusiona a voz tradicional fusionada coa arpa e un peculiar instrumento de percusión, unha tina a modo de pandeiro. Para eles a comunicación é a parte máis importante da música. Por iso buscan a interacción libre e aberta, sorprender ao viandante co ambicioso pretexto de que rompa a monotonía e participe na súa actuación.

Completa a xornada do xoves 20 no Festival dos Abrazos o último espectáculo de Lusco e Fusco na praza das Praterías. Presentan Viaxes, unha proposta de clown que amosa as tendencias do novo circo galego.

Continúan, ademais, as exposicións de Jesús Madriñán (na Zona C), Xulio Gil (no pazo de Fonseca), Fuco Reyes (nos balcóns da cidade histórica) e Fundación Araguaney (na ruela de Xerusalén); o campamento bereber no parque de Bonaval; as alboradas na praza de Cervantes; os roteiros pola cidade; e o Curtocircuíto na Rúa, que ofrecerá na súa terceira proxección, co título By Galicia, a mellor colleita de curtas galegas de animación e ficción do último ano.

Compartir: