CULTURA

O Coro de San Petersburgo leva á igrexa de Bonaval os cantos sacros e cancións do pobo da antiga Rusia

18/08/2009 Despois da singular proposta da Orquestra Sinfónica de San Petersburgo na praza da Quintana, o mércores 19, ás 21:00 horas, será o Coro da Capella de San Petersburgo -un dos máis recoñecidos e lonxevos do mundo- o que encha, da man de Vladislav Tchernouchenko, a igrexa de Bonaval de cantos sacros e cancións do pobo da antiga Rusia.

É a primeira vez que o Coro da Cápella de San Petersburgo visita Galicia nos seus cinco séculos de historia. O custo da entrada é de 10 euros e as entradas están á venda nas oficinas de Incolsa e a través do teléfono 902 434 443.

Os mércores no Festival dos Abrazos son os días da danza e do piano. Nesta ocasión, a danza festiva tradicional chega da man do grupo Pesdelán, que nos convida a redescubrir Compostela bailando cos obradoiros de danzas galegas e portuguesas que ofrecerán ás 13:00 horas na praza do Toural e ás 22:00 horas na rúa das Casas Reais. A investigación máis novidosa e arriscada pona Guillermo Horta nunha nova proposta de danza na sección Off do Festival: A arte de vestir un kimono de seda, un só moi forte influenciado polo traballo xestual froito dos seus estudos na India e Xapón, no que traballa con materiais reciclados e lixo e que ofrecerá ás 18:30 horas na praza das Praterías.

O piano póñeno Suso Alonso (ás 13:30 horas) e Manuel Gutiérrez (ás 20:00 horas) no paseo da Alameda. Seguindo coas propostas participativas desta segunda edición do Festival, o ano da Crea(c)ción en Aberto, a organización proponlles ás e aos profesionais e institucións que queiran compartir as súas propostas musicais co público que se acheguen entre unha e outra actuación ao primeiro Piano Aberto do Festival dos Abrazos, que estará á súa disposición no paseo da Alameda.

Máis música, con Feito a Man
Nun día repleto de actividades, a diversión ié-ié poñerana Juan de Pablos e Los Chavales, ás 20:30 horas na rúa de Tras Salomé, coas súas cancións sesenteiras e a sabedoría de Flor de Pasión. Los Chavales recrean, dentro da programación do Feito a Man, as cancións da era dourada do pop, os recorrentes anos sesenta, mirando aos grupos que daquela existían sobre a pel de touro: Brincos, Bravos, Ángeles e Salvajes e algunha xoia descoñecida de formacións non tan famosas coma Los Botines, Los Gritos ou Los Archiduques. Completan a escaleta con adaptacións propias de temas de bandas inglesas (The Birds, The Kinks) e americanas (Love, The Sonics), traducidas ao idioma de Cervantes. Nesta ocasión estarán acompañados polo locutor máis instruído na corrente ié-ié, Juan de Pablos.

Completa a programación musical do día a derradeira actuación nesta edición do Festival de Marcos Teira e L.A.R. Legido, que achegarán os aromas do sur á rúa de San Paio de Antealtares a partir das 22:30 horas.

Curtocircuíto
Ademais das exposicións e roteiros, que se poden gozar ao longo de todo o mes, e máis do campamento bereber que está instalado no parque de Bonaval, o Festival dos Abrazos acolle o mércores 19 a segunda proxección do Curtocircuíto na Rúa, que baixo o título Volta ao Mundo I, ofrece algunhas das curtas máis interesantes de Brasil a Filipinas, pasando por Inglaterra, Italia e a India.

Compartir: