ALCALDÍA

Remata unha nova edición do Curso Internacional "Música en Compostela"

14/08/2009 Un ano máis, os alumnos do Curso Universitario Internacional Música en Compostela, pasaron pola Casa do Concello. A edición número 52 desta recoñecida actividade remata o sábado 15 de agosto despois de dúas semanas de leccións e concertos para máis de 120 alumnos de 18 países.

A alcaldesa en funcións, Socorro García Conde, e parte da Corporación recibiron aos responsables e alumnos da convocatoria 2009 do Curso. De Música en Compostela, García Conde sinalou que "merece todo o apoio e cariño dos cidadáns desta cidaden", por canto "ten levado o nome da cidade por todo o mundo". Por este motivo agradeceu o labor "das xentes que o fan posible" e dos propios alumnos.

Os Cursos Música en Compostela foron creados en 1958, por iniciativa do mestre Andrés Segovia e co apoio do diplomático, José Miguel Ruíz Morales. Dende entón véñense celebrando todos os veráns en Santiago, coa finalidade de informar, interpretar e cultivar a música española a alumnos procedentes de todo o mundo.

Nas aulas dos Cursos teñen ensinado nomes como o propio Andrés Segovia, Oscar Esplá, Federico Mompou, Joaquín Rodrigo, Alicia de Larrocha, Xavier Montsalvatge, Victoria de los Angeles, Montserrat Caballé, Conchita Badía, Gaspar Cassadó, Rosa Sabater, Carmelo Bernaola, Cristóbal Halffter, Luis de Pablo ou Antón García Abril.

As clases están acompañadas de concertos, conferencias e edición de libros e partituras que o Curso ofrece de balde aos seus alumnos. Moitos deles téñense convertido co paso do tempo en profesores, concertistas e musicólogos de prestixio.

Compartir: