CULTURA

Os comerciantes composteláns sacan as cores ás rúas da Cidade Histórica

14/08/2009 A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, e a concelleira de Cidade Histórica, Olga Pedreira, conversaron cos artesáns e comerciantes que participan no Mercado das Cores, incluído dentro do Festival dos Abrazos.

García Conde advertiu que esta primeira edición do Mercado das Cores, na que participan 16 artesáns e comerciantes singulares da zona alta da cidade é "un ensaio, o inicio pequeniño dun proxecto que pode medrar ano a ano, con respecto e co coidado debido á zona histórica na que está situado". "Esta actividade –engadiu– completa a vertente máis económica do Festival, contribuíndo a que se dinamice unha zona de tránsito na que normalmente non nos paramos e que ten moito que ofrecer".

O Mercado das Cores nace co obxectivo de atraer o público e dinamizar esta parte da cidade, co pulo dos artesáns e artistas que sacan á rúa "produtos singulares das artes, artesanía, xoias ou roupa de deseño". Segundo aclarou Socorro García Conde, "en principio está previsto que sexa un día ao ano", pero a concelleira non desbota a posibilidade de que se repita a experiencia noutras épocas do ano, "se todas as partes implicadas, tanto os comerciantes como as concellarías de Mercados ou Cidade Histórica, o consideran interesante".

Unha oferta variada
A oferta do Mercado das Cores é variada e sobre todo diferente, pois nel podemos atopar obxectos de decoración feitos con materiais reciclados, xoguetes artesáns, moda feita a medida, instrumentos de música confeccionados a man, obxectos para facer malabares, xoias de prata e acibeche, camisolas personalizadas ou mobles antigos. Participan nesta iniciativa as tendas Lejano Sur, Vagalume, Tuvalú By Betty Bu, Keltoi, Grial, Bs Artesanía, Hola Galizia e a tenda de antigüidades de San Martiño Pinario. Ademais, os artistas Iván Sende, María Meijide e Susana Terrón presentan pequenas mostras das súas obras, con pezas á venda, e levan os seus talleres á rúa para amosar en directo o desenvolvemento do seu traballo.

Pola súa parte, Pablo García, artesán dedicado á elaboración de obxectos malabares, imparte no seu posto un obradoiro de malabares. Ao longo do día desenvolveranse outras actividades, como un taller de música e xogos infantís nun espazo habilitado para os nenos. Haberá desde un xogo medieval con desafíos propios dunha xincana ata un xadrez e un parchís xigantes.

Fin de semana de música
O son dos saxos despídese do Festival dos Abrazos, despois de dúas semanas de intensa programación co Festisax que organiza a Asociación Cultural Música Viva da Comarca do Deza. Farano da man de Arsys Quartet, novos ventos galegos para a interpretación do saxofón, o sábado 15, ás 20:00 horas, na praza de Fonseca.

Pouco despois, xa dentro do Feito a Man, será Fred Martins Trío quen se despida do público compostelán, ás 20:30 horas na Vía Sacra, despois do éxito acadado nos concertos do 9 de agosto na rúa das Casas Reais e do 11 de agosto na praza dos Gatos. Finalmente, o domingo 16, ás 20:30 horas, será a Michel González Band quen encha a Praza de Feixoo cos sons andinos que tanto gustaron ao público que se achegou o 12 de agosto a San Paio de Antealtares.

O Arsys Quartet naceu no verán de 2008 co obxectivo de achegar ao público desde o repertorio mais antigo ao mais moderno dentro do mundo do saxofón. Os seus compoñentes proceden de diferentes lugares de Galicia e realizaron os seus estudos nos conservatorios de música superiores de Palma de Mallorca e de Salamanca, ademais de recibir clases maxistrais con músicos de talla mundial. Interesados na improvisación contemporánea, algúns dos seus membros pertencen tamén ao Ensemble de Saxofóns das Illas Baleares, co cal realizan xiras por Andalucía, Galicia e Portugal.

Fred Martíns ten unha traxectoria singular na música brasileira. Cunha creatividade e un sentido do do ritmo particulares, en 2006 venceu no 9º Premio Visa de Música Brasileira, un prestixioso certame no que tamén conquistou o favor do público. Ademais de editar os discos Janelas (2001) e Raro e comum (2005), compuxo cancións que foron gravadas por grandes intérpretes do Brasil, como María Rita, Zélia Duncan e Ney Matogroso, que eloxia o talento de Martins: "é un compositor orixinal, que aborda un universo moi particular, interesante e poético".

Michel González trae ao Festival dos Abrazos un proxecto no que os ritmos latinos de Ecuador, Brasil, Colombia ou Cuba serven de base para as improvisacións propias do jazz, tecendo cancións, conversacións e historias baseadas na acentuación da diversidade cultural. Un espazo sen fronteiras, sen limitacións artísticas, onde os sons das frautas andinas de Roberto Cachimuel, acompañadas pola inconfundible guitarra de Michel González nos transportan a mundos imaxinarios.

Compartir: