CULTURA

A tradición circense oriental aterra no Festival dos Abrazos co espectáculo dos xaponeses Senmaru & Yuki

12/08/2009 O Festival dos Abrazos está a converter por segundo ano a Praza das Praterías no mellor escenario para as diferentes disciplinas circenses, con citas todos os martes e xoves. Son propostas para todos os públicos e deseñadas pensando de xeito especial nos máis pequenos. Teñen, ademais, un obxectivo dobre, por unha banda, amosar os espectáculos máis innovadores do novo circo galego e, pola outra, achegar a Compostela as tendencias noutros países e noutras culturas.

O xoves 13 é un día circo na cidade e nel teremos a oportunidade de rirnos e emocionarnos cunha proposta ben exótica para nós. O dúo Senmaru & Yuki traen a Santiago as tradicións circenses orientais, directamente dende o Xapón, co seu espectáculo de Edo Daikagura. Actuarán ás 12:00 e ás 18:30 horas.

O Edo Daikagura é unha representación teatral de tradición antiga no folklore nipón. Orixinariamente era un ritual de música e danza interpretado para os deuses nos santuarios e que se utilizaba como talismán para afastar ao diaño. A partir deses inicios como rito formal e sagrado foi evolucionando coa introdución de elementos humorísticos, acrobáticos e de malabares, ata converterse nun entretemento para todos os públicos. Con esta base, Senmaru & Yuki visten kimono e fan malabares tradicionais xaponeses usando elementos correntes na súa cultura como teteiras, parasoles ou espadas de samurai. Será un espectáculo ateigado de diversión e momentos tensos, no que de seguro estes dous artistas deixarán ao público abraiado coas súas habilidades.

No que vai de festival pasaron pola pista circense das Praterías os xogos con materiais recuperados do lixo dos galegos Malabaranda, as artes aéreas dos madrileños Alas Circo Teatro e os equilibrismos do británico Andy Snatch. E aínda queda moito por diante. O martes 18 repiten Malabaranda ás doce da mañá. Ese día pola tarde, ás 18:30 horas, Lusco e Fusco presentan a súa peza Viaxes, e volven actuar en sesión dobre de mañá e tarde o xoves 20. Pecharán a quenda do circo no Festival dos Abrazos os Malabreikers, cunha comedia de rúa con break dance, acrobacias e malabares o martes 25.

Blues, soul e pop a diferentes voces
Tamén o xoves 13, a partir das 21:30 horas, poderanse escoitar na praza da Quíntana os cantos do Coro da Rá, harmonía musical a diferentes voces para crear un ambiente máxico. Este coro, residente na Escola de Música Estudio de Santiago de Compostela, elabora o seu repertorio coas cancións máis coñecidas do soul, o blues, o jazz, o pop e a música étnica. Caracterízase polas súas intervencións sorpresa que denomina Concerto Comando.

Polas rúas das cidades busca impactar coa súa música no lugar e momento menos pensado. A filosofía é sempre a mesma: chegar de forma discreta e dispersa, unha acción teatral actúa de disparador para que alguén comece a cantar. De súpeto fórmase un coro de aparentes transeúntes que se van sumando á voz inicial. Cantan dúas ou tres pezas e o coro desfaise e desaparece entre a xente coa mesma rapidez e discreción.

O Coro da Rá actuará tamén o xoves 20 de agosto na praza do Obradoiro (arco de Fonseca) ás 21:30 horas, e o 27 de agosto ás 21:30 horas na rúa de San Paio de Antealtares, dentro da programación do Feito a Man. Acadou xa un grande éxito no Festival dos Abrazos na súa actuación o sábado 8 de agosto, unha noite na que compartiu escenario na praza de Cervantes coa cantante cubana Jamila Purofilin e o grupo humorístico Fratelli Negroni e na que repasou o pop do século XX, con especial énfase na música afroamericana dos Estados Unidos.

Flamenco con trazos jazzísticos
Como colofón da xornada do xoves, Marcos Teira dá un concerto especial con convidados ás 22:00 horas na rúa das Casas Reais. Desta volta estará acompañado pola cantante Iria Peña e o batería L.A.R. Legido. Teira é un dos nexos máis directos de Galicia cos sons do sur, que xera habitualmente encontros de músicos da nosa terra achegados ao flamenco.

Iria Peña é unha nova e experta cantaora, integrante do grupo Norte Flamenco, que malia vivir na Coruña, atrévese con todos os tipos de cante, dende as bulerías ata as soleás. O valisoletano L.A.R. Legido leva anos asentado en Galicia como profesor de batería, expresión rítmica e improvisación na Escola-Estudio de Música de Santiago de Compostela. Xa houbo ocasión no Festival dos Abrazos de gozar da fusión da guitarra flamenca de Marcos Teira coa batería de trazos jazzísticos de L.A.R. Legido o luns día 10 de agosto e aínda haberá outra oportunidade o mércores 19 na rúa de San Paio de Antealtares ás 22:30 horas.

Compartir: