MEDIO AMBIENTE E CENTROS SOCIOCULTURAIS

O parque de Belvís converterase nun excelente observatorio astronómico da man do programa "Vive o Verán"

11/08/2009 Continúan as actividades do programa Vive o Verán, organizado pola Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais xunto coa Concellaría do Medio Ambiente. Para o mércores 12 de agosto está programada unha interesante actividade que, baixo o título "Observando o ceo", ten como obxectivo ser unha pequena toma de contacto coa astronomía.

Desta volta observaremos o fenómeno das "Lágrimas de San Lourenzo", contando coa colaboración didáctica dos expertos da asociación Astronomía na Beirarrúa e de varios telescopios. Esta actividade está destinada a todos os públicos, está programada para comezar ás 23:00 horas e realizarase no parque de Belvís, concretamente nas bancadas de pedra situadas á dereita do aparcadoiro.

Esta actividade lévase adiante coa colaboración da mencionada asociación Astronomía na Beirarrúa, formada por profesores e investigadores especializados da USC. Recoméndase levar roupa de abrigo e unha manta ou esterilla para evitar a humidade do chan no tempo que dure a actividade.

Compartir: