CULTURA

A danza de raíz chega ao Festival dos Abrazos coa nova peza de Mercé de Rande

11/08/2009 O Festival dos Abrazos acolle o mércores 12, en sesión dobre, ás 13:00 e ás 20:30 horas, a nova peza de Mercé de Rande, Concerto solo (regando as raíces). Neste espectáculo, que terá lugar diante da igrexa Bonaval, a bailarina viguesa estará acompañada da violoncellista Macarena Montesinos.

Mercé de Rande e Macarena Montesinos revisan a bagaxe da tradición musical galega dende o seu propio punto de vista. O seu obxectivo é, segundo explica a propia Mercé de Rande, "trazar un diálogo entre a música e a danza baseado nas fontes da nosa cultura, desde as Cantigas de Santa María ata Negra Sombra, todo isto pasado por filtros contemporáneos".

A bailarina continúa deste xeito afondando na súa investigación artística de raíz, presente nos seus traballos máis recentes. En 2007 puxo en marcha a súa propia compañía, A Mercé das CirKunsTanzias, nome que liga os termos alemáns "circus" (circo), "kunst" (arte) e "tanz" (danza). A súa primeira creación nela foi o Proxecto zocas, no que facía unha exploración do movemento e do son a través das zocas. Logo veu Fiando o caos, unha tentativa de buscar a identidade galega no caos mundial; e na actualidade traballa en Mar, fento e cemento. Ademais, combina toda esta actividade co seu labor na compañía francesa Incidents Mémorables e na suíza Sans Filtre.

Investigacións
Na xornada do mércores 12 chega tamén a Compostela outra proposta diferente encadrada na sección Abrazos Off do festival. O L.I.B.A. Colectivo (Laboratorio de Investigación en Belas Artes) estrea a súa peza Investigacións ás 18:30 horas no paseo da Alameda.

A proposta consiste en vinte microaccións dun minuto que responden á filosofía flashmob: congregacións de persoas que se comunican por sms e e-mail e que realizan unha acción para despois dispersárense rapidamente. Unha manifestación onde ninguén reivindique nada agás o dereito mesmo de manifestarse, una coreografía sen música, unha falsa pelexa multitudinaria ou o espontáneo desplome dos viandantes son algunhas desas accións. Xogan co inesperado para romper os códigos habituais de conduta social, animando ao espectador a participar.

Piano só e ritmos latinos no apartado musical
Ás oito da tarde haberá unha nova intervención de piano só en campo aberto. Madame Cell, alter ego do pianista Nacho Muñoz, actúa no parque de Belvís, unha perspectiva diferente para observar a cidade dende o alto. Presenta unha serie de pezas compostas como células ou obxectos sonoros, libres para a improvisación, a deconstrución, a poesía, a fonética e a ópera.

Pon en marcha un laboratorio no que mestura sons procesados por ordenador co instrumento en directo, creando paisaxes sonoras que van do electropunk ao cool noise. É o piano entendido como "un desorganizador cósmico prendido dos percutores viaxando a velocidade de escape".

No remate do día, ás 22:30 horas., a Michel González Band trae á rúa de San Paio de Antealtares o seu último traballo, El viaje de la lombriz. Neste espectáculo os ritmos latinos de Ecuador, Brasil, Colombia ou Cuba serven de base para as improvisacións propias do jazz, tecendo cancións, conversacións e historias baseadas na acentuación da diversidade cultural. Un espazo sen fronteiras, sen limitacións artísticas, onde os sons das frautas andinas de Roberto Cachimuel, acompañadas pola inconfundible guitarra de Michel González nos transportan a mundos imaxinarios. Volverán tocar o domingo 16 de agosto na praza de Feixoo ás 20:30 horas.

Compartir: