CULTURA

"Compostela natureza" enche de verde o xardín de pedra da cidade vella

11/08/2009 A exposición fotográfica Compostela natureza levará o verde á cidade vella compostelán durante todo o mes de agosto. Trátase dunha mostra de vinte imaxes captadas nos diferentes parques e xardíns de Compostela polo fotógrafo Fuco Reyes.

A tenenta de alcalde e concelleira de Cultura, Socorro García Conde, e a concelleira de Cidade Histórica, Olga Pedreira, visitaron esta mostra, que exhibe unha imaxe diferente de Santiago a través dos seus espazos naturais. Comezando na praza do Toural, e ao longo de toda a rúa Nova, pódense ver penduradas das diferentes fachadas de pedra as imaxes que Fuco Reyes tomou dos espazos verdes de Compostela.

As vistas ofrecen unha perspectiva diferente deses lugares naturais e urbanos ao mesmo tempo. O propio autor recoñeceu que a súa intención era "dar unha sensación diferente da habitual" e sorprender con estas visións. Segundo as súas propias palabras, "a intención é que os viandantes se pregunten onde foi tomada cada foto".

Redescubrir os espazos da cidade
Trátase así de redescubrir uns espazos que forman parte da nosa vida cotiá. Nese sentido, a concelleira de Cultura, Socorro García, salientou a conexión da mostra co Festival dos Abrazos no que se integra. "A exposición recolle perfectamente o espírito do Festival, tanto pola súa interdisciplinariedade como polo obxectivo de poñer de relevo os espazos da cidade", explicou. Así, a mostra permite tanto subliñar as fachadas de pedra que acollen as imaxes como os lugares onde foron tomadas as instantáneas.

Na selección hai fotografías dos parques de Bonaval, de Belvís, de Fermín Bouza Brey e de moitos outros espazos verdes de Santiago. As imaxes percorren, ademais deses diversos espazos, diferentes épocas do ano e as luces cambiantes do día, principalmente da tardiña e a madrugada. De feito, as inclemencias desas horas e máis o frío do inverno foron as maiores dificultades sinaladas polo autor á hora de crear estas imaxes.

Compartir: