CULTURA

O Feito a Man converte a praza de Cervantes nun cabaré da man do Coro da Rá, Jamila Purofilin e os Fratelli Negroni

07/08/2009 O Festival dos Abrazos converterase o sábado 8, a partir das 22:00 horas a praza de Cervantes, na terraza dun cabaré, coas actuacións do Coro da Rá, de Jamila Purofilin e de Fratelli Negroni, incluidas dentro da programación do Feito a Man, organizada pola Asociación Cultural Cidade Vella. Unha noite especial con gospel e soul, boleros e canción italiana.

Na praza de Cervantes uniranse tres forzas naturais. O Coro da Rá, unha formación galega que abordará con alegría o repertorio pop do século XX, con especial énfase na música afroamericana dos Estados Unidos. Jamila Purofilin lembrará os grandes temas de Antonio Machín, que naceu en Cuba para logo triunfar en España: "Inolvidable", "Toda una vida", "Corazón loco" e "Dos gardenias" soarán na voz da artista cubana. E Fratelli Negroni poranlle á festa humor, pistolas e bailoteo. Un actor puramente italiano acompañado por un trío puramente galego nun percorrido polas cancións transalpinas desde os anos 40 ata os 80: do swing ao disco-funky, pasando polo cabaré.

Domingo 9
O domingo 9 serán os ritmos brasileiros envoltos pola música pop de Fred Martins trío os que tomen a rúa Casas Reais, á altura da Porta do Camiño, ás 20:30 horas. Fred Martíns ten unha traxectoria singular na música brasileira. Cunha creatividade e un sentido do ritmo particulares, en 2006 venceu no 9º Premio Visa de Música Brasileira, un prestixioso certame no que tamén conquistou o favor do público. Ademais de editar os discos Janelas (2001) e Raro e comum (2005), compuxo cancións que foron gravadas por grandes intérpretes do Brasil, como María Rita, Zélia Duncan e Ney Matogroso, que eloxia o talento de Martins: "é un compositor orixinal, que aborda un universo moi particular, interesante e poético".

O Feito a Man, organizado pola Asociación Cultural Cidade Vella, e que un ano máis forma parte do Festival dos Abrazos, ofrecerá 28 actuacións, protagonizadas por 17 artistas de distintas procedencias en 9 espazos da cidade histórica. Hip-hop, jazz, folk, rock, pop, flamenco, blues, swing, tango... parado ou en movemento, instrumental ou a cappella, o Feito a Man encherá as noites do verán compostelán de creación emerxente.

Compartir: