XUNTA DE GOBERNO

Visto bo á reurbanización da rúa Home Santo de Bonaval

07/08/2009 A Xunta de Goberno extraordinaria aprobou, entre outros asuntos, o proxecto de reurbanización da rúa Home Santo de Bonaval, presentado polo Consorcio de Santiago e que suporá un investimento de máis de 1,3 millóns de euros.. Ademais, iniciouse o proceso de contratación das obras de reforzo do firme das vías públicas municipais.

O proxecto de reurbanización da rúa Home Santo de Bonaval contempla a substitución de toda a pavimentación, moi deteriorada. Habilitarase un único carril de circulación rodada de 3,50 metros. O resto do espazo utilizarase para beirarrúas, garantindo unha largura mínima de 1,20 metros, e para prazas de aparcamento nun tramo da rúa.

Procederase igualmente a substituír completamente as redes de abastecemento e saneamento e a soterrar as redes eléctricas e telefónicas. O proxecto complétase coa colocación de árbores, bancos e contedores de recollida de lixo.

En definitiva, trátase de converter as rúas afectadas, Home Santo e Angustia, en paseos, itinerarios entre a cidade histórica e novo barrio de Fontiñas e a estación de autobuses. A superficie total de actuación é de 4.807 metros cadrados, cun orzamento total previsto de 1.334.012 euros

Obras
En materia de Obras, o Goberno local aprobou o prego de cláusulas administrativas e iniciou o proceso de contratación das obras de reforzo do firme das vías públicas municipais neste ano 2009. O tipo de licitación é de 948.275 euros máis IVE.

Ademais, adxudicáronse provisionalmente as obras de reforzo do firme na vía pública de Pardaces de Arriba (A Peregrina), incluídas no Plan de Obras da Deputación Provincial da Coruña. O orzamento ascende a 52.384 euros máis IVE.

Outra obra adxudicada foi a de construción dunha varanda de seguridade e protección na avenida Mestra Victoria Míguez, cun investimento de 93.504 euros máis IVE.

Cidade Histórica
A proposta da titular de Cidade Histórica, aprobáronse definitivamente axudas para rehabilitación de 26 vivendas, por un importe total de 121.698 euros. Tamén no ámbito desta concellería, iniciouse o expediente de contratación das obras de acondicionamento, escavación arqueolóxica e restauración do Castelo da Rocha Forte, cun tipo de licitación de 86.637 euros máis IVE.

Deportes
En Deportes, aprobáronse as bases de dúas convocatorias de subvencións. A primeira está destinada ao fomento do deporte federado, que permitirá repartir entre os solicitantes un total de 270.000 euros. A outra convocatoria fai referencia ás subvencións para o fomento de actividades deportivas puntuais. Neste caso repartiranse 70.900 euros.

Educación
A Xunta de Goberno tamén aprobou o prego de cláusulas administrativas e iniciou a contratación do servizo de redacción de proxecto básico e de execución das obras de construción dunha Escola Infantil en Salgueiriños. O tipo de licitación é de 36.602 euros máis IVE.

Circulación Viaria
En materia de Circulación Viaria, comezou o proceso para contratar o subministro e instalación de equipos para a conexión do centro de xestión de Tráfico da DXT coa sala de control de tráfico do Concello. Este subministro suporá un investimento de 43.185 euros máis IVE.

Igualmente, adxudicouse a instalación dun control de velocidade e paso de peóns regulado con semáforos na rúa Ponte do Romaño, por importe de 12.132 euros máis IVE.

Benestar Social
Finalmente, o Goberno local iniciou a contratación do Servizo de Axuda no Fogar, en función dos seguintes prezos: 12,35 euros/hora máis IVE para os servizos prestados en xornada laboral de luns a sábado; e 13,28 euros/hora máis IVE para os servizos prestados en domingo e días festivos.

Documentos relacionados



Compartir: