EDUCACIÓN

Os nenos e nenas do Centro Xuvenil Don Bosco visitaron a exposición "Chaplin en imaxes"

06/08/2009 Continúan desenvolvéndose as actividades didácticas paralelas á exposición Chaplin en imaxes, que estará na igrexa da Universidade ata o 30 de agosto. Esta vez os visitantes foron os nenos e nenas do Centro Xuvenil Don Bosco.

A colaboración entre a Concellería de Educación, a Fundación "La Caixa" e a Universidade de Santiago permite poñer a disposición das asociacións e colectivos interesados un programa de visitas didácticas a esta exposición. Dende o seu inicio levan participando máis de 200 nenos e mozos nas visitas didácticas e arredor de 3.000 persoas de público en xeral.

As visitas didácticas en torno á exposición dedicada ao gran creador Charles Chaplin están divididas en cinco temas: Chaplin vístese de Charlot, a evolución do personaxe, a evolución das súas películas, a linguaxe do corpo e linguaxe do silencio, Chaplin como fenómeno de masas que tamén atrae á vangarda e o tema denominado "Imaxinar o que o público espera e facer todo o contrario".

Para facilitar o acceso dos grupos e das familias está prevista a realización de visitas guiadas á exposición. Todos aqueles grupos interesados en participar poden realizar a súa reserva chamando ao teléfono do Departamento de Educación: 981 554 400/401.

Compartir: