CULTURA

Máis aires nórdicos no Festival dos Abrazos cos cantos lapóns de Skaidi

05/08/2009 O Festival dos Abrazos trae ás prazas e parques de Santiago de Compostela propostas galegas e de todo o mundo. Esta semana coinciden no festival dúas propostas que traen a Galicia os aires do norte de Europa. Por un lado, o grupo Stockholm Lisboa Project, que ofrece un segundo concerto o mércores 5 e, polo outro, os cantos lapóns do dúo Skaidi, cuxo primeiro concerto está previsto para o xoves 6.

O grupo Stockholm Lisboa Project triunfou o martes 4 perante as 1.500 persoas que se xuntaron na praza da Quintana. Foi unha actuación moi especial, na que a brillante voz de Liana Jers acompañada de mandolina, harmónica e violín, interpretou sons portugueses e escandinavos: fado, polca, etc.

Por outra parte, a ruela de Xerusalén acolle tamén dende o martes 4 a mirada sobre a cidade, berce de tres culturas, coa que a Fundación Araguaney Puente de Culturas participa nesta segunda edición do Festival dos Abrazos. Xerusalén é este ano a capital cultural do mundo árabe e, como explicou Ghaleb Jaber Martínez, director do Festival de Cine Amal, non hai mellor foro que o Festival dos Abrazos para "reivindicar a realidade dunha cidade cuxo nome significa Paz e que abraza tres grandes relixións". Ghaleb Jaber tamén recordou que na ruela de Xerusalén hai unha oliveira que "é unha árbore sagrada para todas as relixións monoteístas que naceron na mesma terra na que nos últimos de ocupación se cortaron dous millóns de oliveiras".

A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, salientou que "hai habitantes de Compostela que pasan a carón da ruela de Xerusalén todos os días e non entran". "Que mellor pretexto", asegurou, "para redescubrir este recuncho que achegarnos á cultura árabe e tomar conciencia da realidade do pobo palestino". Para facelo, a Fundación Araguaney transformará durante as semanas que dura o Festival a ruela nun zoco árabe no que se instalará unha tenda de produtos árabes, unha exposición fotográfica ao aire libre do Al Nabka (o éxodo palestino) e un muro no que a xente pode deixar as súas mensaxes. Tamén haberá un recital de poesía o xoves 6, ás 20:00 horas, a cargo de Luis González Tosar, catro proxeccións de cine árabe e dúas mostras de danza do ventre.

Mestura de jazz e cantos lapóns
O festival continúa o xoves 6 cunha nova aproximación á música do norte de Europa: Skaidi, un dúo que mestura o jazz máis contemporáneo co ancestral canto yoik dos lapóns. O yoik é moito máis que o canto do pobo sami. O yoik é unha marca de identidade para os habitantes da Laponia que sobreviviu a múltiples avatares, incluída a súa prohibición, e que hoxe cobra novas vidas en voces como a de Inga Juuso. A cantante lapona uniuse hai dez anos ao baixista noruego de jazz Steinar Raknes para xuntos crear unha música que parte das tradicións do jazz e o yoik para transcendelas.

A música que crean xuntos é unha mostra do patrimonio musical escandinavo, que se poderá na igrexa de Santa María do Camiño, unha xoia oculta do patrimonio arquitectónico compostelán. A primeira actuación será o xoves 6 ás 20:00 horas, e o venres 7 ofrecerán un segundo concerto ás 13:00 horas.

A programación do día 6 complétase cos malabares, equilibrismo e humor de Andy Snatch, un artista de circo británico que actuará na praza das Praterías ás 12:00 e ás 18:30 hpras. E o Sexteto Luis Díaz pechará a súa presenza en Compostela cunha nova sesión de música cubana. Ás 20:00 horas arrancarán da praza de Feixoo para facer unha actuación de música en movemento na que percorrerán varias rúas da zona vella.

Compartir: