EDUCACIÓN

O Concello convida aos cidadáns a descubrir o Centro de Interpretación do Medio Rural

04/08/2009 Coa posta en marcha do Centro de Interpretación do Medio Rural de Portela, na parroquia de Figueiras, o Concello quere invitar a todos os cidadáns de Compostela como dos arredores, a coñecer esta nova instalación. Por iso, a Concellería de Educación preparou un amplo programa de actividades para os meses de agosto e setembro.

A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, presentou estas primeiras actividades, que inclúen a pernoctación e as comidas, que comezarán os días 11 e 12 de agosto cun programa para rapaces de 6 a 9 anos. As actividades dos dous días, que teñen un custo de 30 euros, comprenden charlas, xincanas e obradoiros de cestería e cociña, entre outras propostas.

Para o 18 e 19 de agosto están chamados ao Centro os rapaces de 10 a 13 anos. Estes poderán participar en roteiros, xogos e xincanas, obradoiros e mesmo na montaxe dunha tenda de campaña. O 25 e o 26 de agosto tomarán o relevo de novo os nenos 6 a 9 anos. Á vez, ábrese a inscrición tamén para as actividades de setembro, a desenvolver do 3 ao 6 (de 10 a 14 anos) e do 7 ao 9 (de 6 a 10 anos).

Mercedes Rosón recordou que esta nova instalación educativa conta cun programa de actividades dirixido a poboación de Santiago e comarca, así como grupos organizados de estudantes dos diferentes niveis educativos dos centros de ensino, asociacións xuvenís e outros colectivos dos concellos de Galicia. Tamén poderá acoller o desenvolvemento de seminarios e cursos de formación, organizados polo concello de Santiago de Compostela ou, previa solicitude acompañada dun programa, por outros colectivos e asociacións. O número máximo de usuarios por actividade é de 60 persoas.

Chaplin e a Escola de Verán
A concelleira tamén aproveitou para recordar que segue aberta ata o 30 de agosto, na igrexa da Universidade, a exposición Chaplin en imaxes. Ademais, tamén en setembro desenvolverase a segunda entrega da Escola Municipal de Verán en catro centros educativos.

Compartir: