OBRAS E CIRCULACIÓN VIARIA

As obras de pilotaxe no túnel do Hórreo obrigan a deixar só dous carrís

04/08/2009 Por mor do comezo das obras de pilotaxe do túnel do Hórreo, este vieiro pasará a ter unicamente dous carrís, un de subida e outro de baixada. Esta situación de dobre carril estenderase xa ata o remate das obras.

Os concelleiros de Obras e Infraestruturas, Bernardino Rama, e de Circulación Viaria, Marta Álvarez-Santullano, acompañados de responsables da Policía Local e da empresa construtora, explicaron as restricións de tráfico, que comezarán o luns 10 de agosto no tramo da avenida de Lugo comprendido entre o cruce co Hórreo e ata a altura da residencia Teniente General Barroso. A partir do día 17 de agosto, esta limitación de carrís estenderase ata Fernando III O Santo. Estes únicos carrís de subida e de baixada permanecerán xa así ata o remate das obras.

Rama explicou que inicialmente se realizarán unhas probas de pilotaxe na zona de Fernando III O Santo, se ben estas non interferirán no tráfico. As obras que si afectarán son as da primeira fase desa pilotaxe, que se realizará na marxe esquerda do Hórreo (vista en dirección á avenida de Lugo), polo que o carril de subida e de baixada quedarán na marxe dereita (a carón da estación de tren). Cando se remate esta fase, a pilotaxe realizarase en sentido inverso.

En todo este tramo afectado pola restrición a dous carrís, unicamente se permitirá o xiro á esquerda no Hórreo. Estas restricións no tráfico obrigarán a reubicar a parada do autobús urbano situada na confluencia da avenida de Lugo co Hórreo, pasando a situarse uns metros máis adiante, a carón da residencia Teniente General Barroso.

O concelleiro pediu desculpas polas previsibles conxestións de tráfico que se poidan producir e recomendou aos condutores que, ante estas restricións, eviten no posible o paso por esta zona e utilicen as vías alternativas, como a rúa Clara Campoamor (vieiro Sar-Pontepedriña) ou o tramo urbano e sen peaxe da AP-9. Recordou que incluso neste período de obras está a pasar pola zona unha media de 42.000 vehículos diarios.

Compartir: