CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia participa en Música en Compostela con dous concertos

03/08/2009 A Real Filharmonía de Galicia pecha as súas actividades estivais en Santiago coa súa participación na edición número 52 de Música en Compostela, Curso Universitario Internacional de Música Española. A orquestra compostelá ofrece dous concertos, os días 4 e 6 de agosto, no Auditorio de Galicia, con entrada gratuita.

Baixo a batuta de Maximino Zumalave, que tamén é docente no curso, a orquestra interpretará o día 4 un programa dedicado a compositores galegos. O compromiso da orquestra santiaguesa coa música feita por galegos, que se materializa nas diferentes estreas que acollen os seus concertos de abono de cada temporada, queda patente nesta ocasión cun concerto que inclúe obras de Buide del Real, Bal y Gay, Xavier de Paz e Roxelio Groba.

Fernando Buide del Real (santiago, 1980) e Xavier de Paz (A Coruña, 1963) son dúas promesas xa consagradas do mundo da composición galega con varias obras estreadas pola propia Filharmonía, en concreto as dúas que soarán no concerto (Tropos e From flame to memory). Bal y Gay é un dos compositores galegos máis coñecidos, cuxa obra cada vez soa máis nos auditorios, grazas á recuperación que os directores galegos, entre eles Zumalave, están a facer. Por último, Roxelio Groba é un dos máis respetados e coñecidos compositores galegos. Destaca na súa discografía o CD realizado pola Stuttgart Kammerorchester, baixo a dirección de Maximino Zumalave, que inclúe a cantata Cantigas de Mar e a suite barroca Intres Boleses.

O día 6 o programa inclúe obras de Joaquín Rodrigo, García Abril, Falla e Arriaga, todos eles compositores consagrados da música española. Compre salientar que tanto o mestre Rodrigo como García Abril, en diferentes edicións, impartiron a súa docencia nos cursos de Música en Compostela.

O Curso Música en Compostela
O Curso Universitario Internacional Música en Compostela naceu en 1958, por iniciativa do mestre Andrés Segovia, e dende entón alumnos de diferentes nacionalidades atópanse cada verán en Compostela para interpretar e cultivar a música española, contribuíndo á difusion do noso patrimonio musical. Personalidades tan célebres como Alicia de Larrocha, Gaspar Cassadó, Conchita Badía, Federico Mompou, Rosa Sabater, Jesús López Cobos, Victoria de los Ángeles ou Monserrat Caballé, que asistiu ás clases de canto en 1962.

Precisamente durante as súas estancias en Santiago, Mompou compuxo diferentes pezas que máis tarde o mestre Antoni Ros Marbà, director artístico e titular da Real Filharmonía, orquestrou, creando a suite Compostela. Gravada hai dous anos pola Real Filharmonía, a suite Compostela viu a luz editada nun disco por Warner Music este ano, xunto con outras pezas de Mompou.

En 2008, con motivo do 50 aniversario de Música en Compostela, o Consorcio de Santiago presentou unha triloxía de libros que son o compendio da historia dos cursos. En concreto, reeditou dous primeiros volumes publicados respectivamente en 1994 e 1995 e presentou un terceiro tomo que comprende os anos que van dende 1995 a 2007.

A Antonio Iglesias deben os Cursos non só que acadaran sen interrupción máis de 50 edicións, senón tamén que Santiago de Compostela e Galicia puideran obter, a través dos mesmos, unha nova dimensión de proxección internacional.

Compartir: