CULTURA

Stockholm Lisboa Project trae a Compostela un abrazo cultural entre as marxes máis afastadas de Europa

03/08/2009 Compostela acolle o martes 4 unha mostra da interculturalidade que lle dá a razón de ser ao Festival dos Abrazos, cunha proposta que une a través da música dúas das marxes europeas máis afastadas entre si. Stockholm Lisboa Project congrega a músicos portugueses e suecos que exploran a conexión das tradicións musicais dos seus países. Como resultado soben ao escenario instrumentos tradicionais e un repertorio que vai de norte a sur mesturando os ritmos escandinavos cos fados máis populares. O concerto é ás dez na praza da Quintana, unha cita que repetirá ao día seguinte.

Unha hora antes, ás nove da noite, o Festival dos Abrazos trae outras dúas propostas musicais que suscitarán unha difícil escolla. No xardín de Fonseca actúa o galego Emilio José, que está facendo famoso o nome da súa aldea, Quins, co seu proxecto musical con denominación de orixe. A súa visión fresca e libre da música pare un pop de vangarda que revisa o concepto de canción con estruturas e letras para rachar todo tipo de prexuízos.

Á mesma hora na Praza de San Martiño Pinario intervén o Sexteto Luis Díaz, música latina para bailar. Un dos máximos expoñentes do son cubano trae, aos seus 74 anos, un repertorio que abrangue todos os xéneros desde o bolero ao chachachá. Este concerto intégrase no Feito a man organizado pola Asociación Cultural Cidade Vella e repetirá actuación mércores e xoves.

Un último evento musical amplía o programa do Festival dos Abrazos para o martes, o Colectivo de desobediencia musical. É unha iniciativa incluída no Festisax organizado pola Asociación Cultural Música Viva da Comarca do Deza, que fai unha revisión da imaxe e do repertorio do músico tradicional clásico.

Os martes son días para o circo no Festival dos Abrazos, polo que esta vez cóntase coa actuación de Alas Circo Teatro, que substitúe á prevista inicialmente de Los Chatos por enfermidade dos artistas. Integran Alas Circo Teatro Juan Manuel Sánchez e Txutxu Buffa e a súa especialidade son as artes escénicas. Un exhibición de destreza física que manterá en tensión ao público durante todo o espectáculo.

Ademais, tamén o martes 4, abre o espazo Xerusalén en Compostela, unha proposta específica da Fundación Araguaney para o Festival dos Abrazos, que pretende achegar os composteláns a Palestina. Unha exposición fotográfica, a tenda Al Suk de produtos relacionados con Palestina e un muro onde a xente pode deixar as súas mensaxes para o pobo palestino son as súas principais propostas. Con horario de catro a dez, permanecerá aberto ao longo de todo agosto. A inauguración é ás 20:30 h.

Compartir: