CIRCULACIÓN VIARIA

O Concello lembra que a súa competencia no concerto de Bruce Springsteen era só o operativo de tráfico e transporte público

03/08/2009 A concelleira de Circulación Viaria e Seguridade Cidadá, Marta Álvarez-Santullano, compareceu ante os medios de comunicación para aclarar que a responsabilidade municipal no concerto de Bruce Springsteen era unicamente o operativo de tráfico e de transporte público e o traslado do artista ata o Monte do Gozo. Por isto, insistiu en que as deficiencias detectadas no acceso ao recinto e dentro del son imputables unicamente á empresa organizadora do concerto.

Álvarez-Santullano indicou que o operativo responsabilidade do Concello funcionou "razoablemente ben". Neste sentido, destacou a fluidez con que circularon os autobuses urbanos, que por primeira vez fixeron ata tres roldas, se ben na terceira rolda xa apenas quedaban usuarios. Igualmente, apuntou que, ao longo da tarde, o percorrido entre o centro da cidade e as inmediacións do Monte do Gozo se puido facer en "non máis de 12 minutos".

Resaltou tamén o feito de que, hora e cuarto despois de rematado o espectáculo, xa estivera despexada a zona do concerto e as inmediacións. Unicamente se rexistraron algunhas retencións en San Marcos e na saída do aparcadoiro de San Lázaro, onde se concentraron 2.200 vehículos.

Sobre as deficiencias detectadas no acceso ao recinto, a concelleira indicou que un bo número de afectados teñen presentado diversas denuncias perante a Oficina Municipal ao Consumidor, no propio Concello e na Comisaría de Policía. Ante o feito de que un número de persoas aínda por determinar quedaran fóra malia ter entrada, apunto que "o Concello non descarta presentar unha reclamación se se comproba que se venderon máis entradas que as autorizadas, que eran 37.800". Ademais, engadiu, "comprobaremos se a empresa tiña ou non libro de reclamacións, que é unha das súas obrigas".

A concelleira dixo ter comprobado en primeira persoa algunha desas deficiencias organizativas e lamentou, por exemplo, que non se abriran tan tarde as portas. "Díxosenos que non se podían abrir antes das 20:00 horas por razóns organizativas e de montaxe", indicou, lembrando que nin sequera se respectou ese horario por parte da organización.

Compartir: