FESTAS

Alta participación nas Festas do Apóstolo grazas a un cartel tradicional asentado e a concertos de todos os estilos

31/07/2009 Co remate das Festas do Apóstolo, chega o momento do balance. Así, o concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro, destacou a gran participación cidadá e de turistas en todas as actividades, tanto nos concertos como no cartel tradicional.

Segundo sinala Baqueiro, "a gran variedade do programa, cun cartel tradicional xa asentado e concertos de todos os estilos musicais axudou á alta participación tanto no pregón, como nos concertos, nos Fogos da noite do 24 e no resto de actividades de rueiro que non cesaron nas dúas semanas festivas". Ademais, o concelleiro destaca que non se suspendeu ningún concerto nin actividade a pesar do mal tempo dalgún dos días, que si obrigou a trasladar dous concertos ao Teatro Principal (Lousiana Gospell Choir e Quique Azambuya Trío).

O concelleiro destaca a ampla participación cidadá na tarde do 25 de xullo, cando se celebrou o desfile da Conmemoración do Centenario da Exposición Rexional de 1909. "Foi unha actividade exclusiva deste ano que serviu para recrear a vida na Alameda de principios de século, a modo de lembranzas da nosa identidade, usos e costumes da época", apunta. Ademais, agradeceu a participación dos colectivos socias que formaron parte da comisión organizadora do evento (Asociación Cultural A Ruliña; Club Gallego de Automóviles Antiguos; Beatriz Sieira, de vestiario e traxes de época; e representantes da Federación de Asociacións de veciños).

Outro dos momentos especiais do Apóstolo foi a celebración dun tributo aos anos 80, coa Explosión Pop de figuras célebres da movida da década: Julián Hernández de Siniestro Total, Iñaki Fernández de Glutamato Ye-Yé, Josele Santiago de Los Enemigos, Javier Andreu de La Frontera, e Germán Coppini de Golpes Bajos. Este espectáculo aglutinou a máis de 4.500 persoas na praza da Quintana.

Documentos relacionados



Compartir: