EDUCACIÓN

Volven os concertos didácticos ao Auditorio

31/10/2005 O mércores día 2 haberá, en sesión dobre, ás 10:00 e ás 12:00 horas unha actuación da Real Filharmonía de Galicia xunto aos Monicreques de Kukas.

O Auditorio de Galicia abre o ciclo de Concertos Didácticos da tempada, con dous concertos da Real Filharmonía de Galicia.

A Real Filharmonía de Galicia, interpretará a obra de Manuel de Fallla (1876-1946) "El retablo de Maese Pedro", cunha posta en escena de "Os Monicreques de Kukas", e a actuación dos solistas Carmen Gurriarán, soprano, o tenor Diego Bernal e o barítono Augusto Brito.

A Real Filharmonía de Galicia, próxima a cumprir o seu décimo aniversario, presentouse ao público baixo a dirección do mestre Helmuth Rilling o 29 de febreiro de 1996. Desde o 1 de xaneiro de 2001, a dirección titular corresponde ao mestre Antoni Ros Marbà, contando con Maximino Zumalave como principal director invitado. Co seu traballo cotián segue enriquecendo o seu variado repertorio, que vai de Bach á actualidade e tamén interpreta obras de compositores galegos, de varios dos cales protagonizou estreas absolutas.

Marcelino de Santiago Kukas, fundou en 1979 Os monicreques de Kukas, a compañía de monicreques máis antiga de Galicia e unha das máis estábeis do panorama teatral galego.

"El retablo de Maese Pedro" é unha especie de ópera de cámara baseada no Quixote de Miguel de Cervantes. A pasaxe do Quixote escollida é a que se narra no final do episodio XXV e en boa parte do XXVI, ambos da II parte da obra.

Un dos logros de "El retablo" foi o facer un guiñol dentro doutro guiñol, é dicir, realmente o espectador participa de dúas accións simultáneas. Unha a vivida no retablo portátil (o romance de don Gaiferos) e outra no proscenio, onde don Quixote e acompañantes asisten á representación.

Ás sesións deste espectáculo asistirán dous mil rapaces, de 14 a 17 anos, de colexios de Santiago, Arzúa, A Estrada, Ordes, Vigo, Monforte, Mos, Vilalba, Tordoia, Ribadeo, Laxe, Monfero, A Gudiña, Boiro, Narón, Quiroga, Redondela, Cambados e Fisterra.

Compartir: