ALCALDÍA

Unha oficina centralizará toda a información e o operativo do Xacobeo 2010

31/07/2009 A Casa do Concello acolleu a constitución da nova Comisión de Cooperación para a Xestión e Desenvolvemento do Ano Santo 2010, conformada por distintos departamentos da Xunta e do Concello. Na mesma acordouse a creación dun centro de control dende o que se centralizará toda a información e os operativos de recepción de visitantes do Ano Santo.

Segundo indicou o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, neste centro de control estarán representados os distintos departamentos implicados do Concello e da Xunta, pero tamén do Cabildo e da Delegación do Goberno, entidades ás que se convidará a sumarse. Dende esta oficina física recibirase toda a información relativa á chegada de visitantes a Santiago e dende alí se transmitirá esta información a todos os departamentos afectados e se coordinarán os operativos de atención.

A propósito destes operativos, o xerente do Xacobeo, Ignacio Santos, apuntou que na reunión se apuntaran cuestión relativas á sanidade, como o 061 ou a instalación de unidades móbiles asistencias próximas ao casco histórico; a protección civil, cos dispositivos de emerxencia; ou á limpeza. Estes e outros aspectos estarán en boa parte concretados na vindeira xuntanza da Comisión de Cooperación, que se celebrará na segunda semana de setembro.

Na reunión tamén se decidiu ampliar o número de membros por cada parte representada na Comisión de Cooperación, pasando de tres a cinco. Sobre outros asuntos pendentes de decidir, Sánchez Bugallo referiuse ao das mochilas, pendente de discutir co Cabildo. A intención é habilitar unha consigna en Xoán XXIII a maiores da existente na Casa do Deán. En calquera caso, reiterou, "non se permitirá o acceso de mochilas á Catedral, por seguridade e polas limitacións de capacidade".

Tanto o alcalde coma o xerente do Xacobeo resaltaron o traballo conxunto entre as dúas Administracións que se realiza no seo desta Comisión cara logra o éxito do Xacobeo 2010. "O resultado vai ser igual ou mellor que o Xacobeo pasado", apuntou o alcalde.

Compartir: