FESTAS

A Compostela Carpa Cabaré despediuse do Apóstolo 2009 con grande éxito de público

30/07/2009 A Compostela Carpa Cabaré baixou o pano. Foron 4 días de espectáculos, con disciplinas tan variadas como o cabaré, o swing, o blues, o dixie, o mimo, o clown, o escapismo ou os malabares. Música en directo, unha compañía de teatro anfitriona de ceremonias, e unha resposta espectacular por parte do público.

Esta proposta, toda unha novidade nas Festas do Apóstolo 2009 e en relación co centenario da Feira Rexional Galega de 1909, fixo as delicias dos composteláns e de todo o público que se achegou á carpa.

Durante os catro días de espectáculos a coruñesa Compañía Femme Fatale fixo de anfitriona da carpa. Á parte do pregón inaugural da carpa, o espectáculo Cabarédeambulante dentro do desfile e o seu espectáculo Gala Femme Fatale, encargouse cada día de ofrecer unha posta en escea particular e con temática diferenciada. Dende unha posta en escea pantasmagórica ata outra post-industrial ou unha posta en escena bohemia, preestreando o inicio do novo espectáculo que está en proceso de montase. Ademais diso fixeron animación de sala, dinamizaron a carpa e ofreceron unha nota de glamour cunha caracterización e posta en escena impecables.

12 espectáculos
Carla de Figueredo, St James Street band, Lilí Berlín, Cabarédeambulante, Gala Femme Fatale, Miñor Swing, Micki Nervio and The Bluesmakers, Orquesta Desvarietés, Assircópatas, Pajarito, Circanelo ou Batallón Literario pasaron polo escenario da Compostela Carpa Cabaré, ofrecendo unha programación aberta, multidisciplinar e de altísima calidade da que se encargou o director da Compañía Femme Fatale en colaboración coa Concellería de Festas.

Compartir: