PLENO

Nova regulación para a instalación de ascensores en edificios residenciais xa existentes

30/07/2009 O Pleno municipal aprobou o texto inicial da nova ordenanza reguladora das condicións para a instalación de ascensores en edificios de carácter residencial. Esta norma dará solución aos problemas que poidan derivarse da instalación destes elementos, tan necesarios para mellorar as condicións de accesibilidade das vivendas.

A concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, explicou as principais características desta ordenanza, que será de aplicación nos edificios residenciais construídos antes da entrada en vigor das normas sobre accesibilidade. Por este motivo, ten un contido esencialmente técnico, no que se presta especial atención ás innovacións de calidade incluídas na normativa sectorial da materia. A súa oportunidade xustifícase polo alto número de licenzas para instalar ascensores que se teñen presentado nos últimos tempos.

A ordenanza determina cuestións como a ocupación do dominio público, posibilidade outorgada cando sexa a única opción posible para resolver a accesibilidade nas edificacións. Tamén se regula o emprazamento dos ascensores tanto no interior como no exterior do edificio, a xustificación das solucións adoptadas, as dimensións ou as condicións a cumprir e n materia de accesibilidade, protección contra incendios ou superficies mínimas de iluminación e ventilación. Tamén se regula a necesidade de presentar estudos previos e de detalle, os proxectos técnicos ou a documentación a presentar.

Tras ser aprobado inicialmente polo Pleno municipal para a súa aprobación inicial, abrirase o período de información pública e de presentación de alegacións. Resoltas estas, o Pleno aprobara definitivamente esta ordenanza para a súa entrada en vigor.

Modificacións puntuais de solos
Tamén en materia de urbanismo, o Pleno acordou a ampliación dos usos permitidos na reserva de equipamento deportivo (EDEP) do plan parcial do SUNP-2 de Salgueiriños. O obxecto desta medida é autorizar tamén o uso docente e asistencial desta parcela de 3.700 metros cadrados. Trátase deste xeito de facela compatible coa implantación da futura escola infantil desta área.

Na mesma sesión aprobouse definitivamente a modificación puntual do PERI-5 e do plan parcial do SUNP-6 de San Lázaro. Os cambios teñen que ver coa elaboración dunha base cartográfica de traballo única, con axustes na delimitación, coa delimitación máis precisa de aliñacións e rasantes, coa ordenación de volumes e co establecemento de criterios compositivos e estéticos da futura edificación nos dous ámbitos afectados.

Finalmente e respecto a outro solo, o SUNP-14 de Tras Paxonal, deuse o visto bo definitivo á modificación puntual do seu plan de sectorización. Neste caso, traballouse respecto á unificación do límite de parcela mínima con carácter xeral a 250 metros cadrados, das que resultaría un total de 3.580 metros cadrados de solo e 13 vivendas unifamiliares, e ás alturas máximas das edificacións. Tamén se soluciona algunha cuestión de volume relacionada coas diferentes rasantes

Compartir: