CIRCULACIÓN VIARIA

O Concello establece a reserva para residentes dun mínimo do 30% das prazas de aparcamento

30/07/2009 Unha nova ordenanza regulará o servizo de ordenación e regulamentación do aparcamento (ORA), nas prazas ordinarias e nas de reserva, así coma os diferentes réximes para a súa correcta utilización. Esta norma é pioneira en Galicia nalgúns dos seus aspectos, fundamentalmente nos relativos á reserva de prazas para os residentes, que queda establecida nun mínimo do 30%.

A concelleira de Circulación Viaria, Marta Álvarez-Santullano, explicou as principais características deste proxecto de ordenanza e as novidades introducidas respecto do texto inicial. A nova norma, insistiu, pretende optimizar o uso racional do aparcamento, priorizando o uso polos residentes.

Os veciños de Santiago, segundo a súa área de residencia, terán a posibilidade de obter unha tarxeta que lles permitirá o uso de determinado número de prazas reservadas no seu sector correspondente. Estes sectores e o número de prazas que se reservará para residentes en cada un deles serán fixados pola Xunta de Goberno Local e unha vez consultados os colectivos veciñais.

Residente por razón de municipio
Unha novidade establecida no texto inicial é que se introduce a figura do residente por razón de municipio, co fin de que os veciños de Santiago teñan prioridade sobre os que non o son, malia non vivir nunha área específica con prazas de aparcamento, como poden ser moitos barrios ou zonas do rural.

Así, por un lado, establécese un réxime de reserva nas áreas de aparcamento regulado (ORA) no que se distinguirá entre os residentes por razón de domicilio e por razón de municipio. Nestas zonas delimitadas, uns e outros poderán aparcar cunha bonificación que lles permitirá estacionar polo mesmo prezo o dobre de tempo, cun máximo de catro horas (para o resto de condutores o máximo é dúas horas). En calquera caso, transcorrido ese tempo, terán que retirar o vehículo, pois un dos obxectivos da ordenanza é garantir a rotación.

Reserva mínima e posibilidade do domicilio profesional
Do total de prazas que resulten da reserva para residentes (un 30%), o 40% será para residentes por municipio e o resto para residentes por razón de domicilio. Tamén se establece a posibilidade da reserva por razón de domicilio profesional para o residente, cando este se acredite debidamente. Pero neste caso, o condutor deberá escoller a zona por domicilio familiar ou por domicilio profesional, nunca as dúas.

Tamén na zona ORA, mantense a posibilidade de reservar zonas de residentes para que estes poidan utilizalas totalmente de balde no horario non regulado. Cómpre recordar que a zona ORA funciona de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:30 horas de luns a venres e de 8:00 a 14:00 horas os sábados. Os residentes poderían empregar esas prazas reservadas gratuitamente fóra dese horario.

Zonas non reguladas
No caso das zonas non reguladas, nos barrios periféricos e sen custe, confírmase a reserva tamén do 30% para residentes por domicilio. Neste caso non se establecerá a reserva por municipio, pois segundo explicou a concelleira, non ten moito sentido para aqueles condutores que veñen dos barrios ou do rural ao centro da cidade.

Tarxetas para residentes
A obtención das tarxetas de residentes aparece regulada no capítulo V da ordenanza. Os beneficiarios deberán acreditar en todo caso o seu empadroamento en Santiago, o tipo de propiedade respecto do vehículo ou estar ao corrente de pago dos seus impostos, entre outros requisitos. Poderase conceder un distintivo por persoa e vehículo e un segundo ao cónxuxe, parella de feito ou descendentes que vivan no mesmo domicilio.

Bonificacións nos futuros aparcadoiros públicos
Outra novidade respecto do texto inicial é a posibilidade de incluír bonificacións nos aparcadoiros públicos que se podan construír no futuro. Esta medida tamén se contemplará cando chegue o momento de rescatar as concesións nos estacionamentos xa existentes.

Delimitación de áreas, autorizacións e sancións
No capítulo II, a ordenanza establece as categorías de regulación ordinaria do aparcamento (cor azul): réxime xeral, cun tempo máximo de estacionamento de 120 minutos; curta duración, 90 minutos; e longa duración, 240 minutos; así coma os réximes excepcionais. A zona de residentes marcarase coa cor verde.

A ordenanza tamén regula as distintas autorizacións para aparcamentos ou as exencións que se formulan aos réximes sinalados. En canto ás áreas reservadas a determinadas persoas ou vehículos, a novidade vén no apartado de persoas con discapacidade, coa esixencia de que o vehículo que faga uso da área reservada leve neste momento á persoa discapacitada.

As actividades diferenciadas, o réxime de infraccións e sancións, a habilitación á Xunta de Goberno Local para modificar horarios e delimitacións de zonas e os anexos coas rúas incluídas en cada zona ORA completan este proxecto de ordenanza.

Unha vez aprobada inicialmente no Pleno, a ordenanza será exposta ao público para que calquera poda realizar as súas alegacións. Unha vez resoltas estas, a norma someterase á aprobación definitiva do Pleno municipal.

Compartir: