TURISMO

Santiago mantén o número de pernoctacións no primeiro semestre de 2009

29/07/2009 Os datos de pernoctacións do primeiro semestre están amosando a consolidación de Santiago de Compostela como destino nun entorno de crise económica que está afectar ao sector turístico. No primeiro semestre do ano producíronse na cidade 519.046 pernotacións, que repiten case exactamente as 519.327 do mesmo período do ano 2008, segundo os datos do INE. Santiago consegue manter o número de pernotacións nun momento no que hai un retroceso no sector turístico estatal, cunha baixada do 9,3%, e galego, cunha baixada do 10,98%.

Santiago logra manter os datos de pernoctacións de 2008 grazas ao incremento do turismo doméstico, que creceu un 3,84%, subindo das 350.851 pernoctacións do 2008 ás 364.308 do 2009. Non obstante, houbo un descenso no turismo internacional, na mesma liña que se está a dar no resto do Estado. O descenso foi do 8,15%, pasando das 168.476 pernoctacións do ano pasado ás 154.378 deste ano.

No mes de xuño Santiago tivo un crecemento do 7,15%, uns datos en claro contraste cos datos estatais e galegos. No conxunto de España o descenso foi do 6,4% e en Galicia foi do 3,4%. No mes de xuño Santiago alcanzou 115.304 pernoctacións, fronte ás 107.811 do mesmo mes do ano 2008. Neste mes creceron tanto o turismo doméstico, un 7,89%, coma o turismo internacional, un 5,95%.

Con estes datos Santiago continúa liderando o Grupo das Cidades Patrimonio Histórico da Humanidade como da España Verde, compostos polas cidades comparables á nosa. O único destino con mellores datos no primeiro semestre é Bilbao, que crece un 0,94%. Vitoria baixa un 5,10%, San Sebastián un 4,73%, Xixón un 16,95%, Oviedo un 13,28%, Santander un 2,2%, Ávila un 14,84%, Cáceres un 6,14%, Córdoba un 9,48%, Cuenca un 12,55%, Salamanca un 4,59%, Segovia un 7,66% e Toledo un 6,16%. En Galicia, A Coruña baixa un 15,87% e Vigo un 16,49%.

Dende Turismo de Santiago considérase que estes datos amosan a fortaleza de Santiago como destino turístico. Con todo, considérase que hai que manter a prudencia respecto dos meses fortes de verán para comprobar a evolución do sector turístico na cidade. Tamén se estima que malia o mantemento do número de pernoctacións, hai que seguir impulsando o sector turístico de Santiago, xa que se percibe que a crise económica está a afectar tanto á estadía media como ao gasto por visitante, dúas variables fundamentais para o sector.

Compartir: