EMPREGO

O concelleiro de Promoción Económica e Emprego visita o Centro de Formación Ocupacional de Sanxuás de Aríns

29/07/2009 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, visitou o Centro de Formación Ocupacional de Sanxuás de Aríns, no que realizan prácticas os/as usuarios/as do Proxecto Persoa IV, e se forma o alumnado dos cursos de Formación para o Emprego. Nas instalacións, que se ampliaron en 2006 pasando de 1.300 a 1.600 metros cadrados, impártense especialidades con alta demanda laboral, por considerarse novos xacementos de emprego. Na visita participaron unhas setenta persoas, entre alumnado, profesorado e persoal técnico.

No Centro de Formación Ocupacional de Sanxuás de Aríns realiza prácticas formativas o alumnado do curso de Reparación, mantemento e adaptación de edificios e vivendas para maiores e dependentes, pertencente ao Proxecto Persoa IV. Todas as prácticas relacionadas con obras (construción de ramplas, reforma de aseos, etc.) están adaptadas á normativa de adaptabilidade vixente.

Este proxecto experimental de emprego, que se divide en dúas quendas de 60 persoas cada unha, ten como obxectivo promover a integración laboral de 120 desempregadas/os a través da súa participación nun proceso integral de inserción (formación, prácticas en empresas e apoio á colocación) en ocupacións consideradas novos xacementos de emprego, neste caso relacionadas co sector de servizos ás persoas.

Durante a etapa formativa da primeira quenda do Persoa IV impartíronse catro cursos, con 15 prazas cada un: o de Reparación, mantemento e adaptación de edificios e vivendas para maiores, e os de Especialista no coidado e atención a persoas maiores e descapacitadas, Dirección e xestión de centros e servizos de atención a maiores, e Especialistas en mediación familiar e socioeducativa na resolución de conflitos. Neste momento, o 83,33% do alumnado está realizando prácticas en 33 entidades e empresas.

Ademáis, no Centro de Formación Ocupacional de Sanxuás de Aríns impártense cinco cursos de Formación para o Emprego, con 75 prazas, 15 por curso, que suman 3.245 horas lectivas. Son: Electricista de Edificios, Instalador/a de sistemas de enerxías solar térmica, Fontanería, Ferrallista, e Instalador/a de gas.

En 2008 impartíronse outras seis especialidades do Plan FIP (Formación e Inserción Profesional, agora denominado Formación para o emprego) que sumaron 3.100 horas lectivas e nos que participaron 90 persoas. O 30% accedeu ao mercado laboral. Todos estes cursos, nos que colabora o Fondo Social Europeo e a Consellería de Traballo, prográmanse tendo en conta os novos xacementos de emprego que existen e as demandas do mercado laboral.

Compartir: