FESTAS

Explosión Pop rende tributo á música española dos 80

29/07/2009 O xoves 30 de xullo haberá tres citas musicais gratuítas nas Festas do Apóstolo: o tributo aos anos 70 a cargo de Black Stones, a Explosión Pop dos anos 80 e a actuación no Toural de Klezmatics.

Ás 23:00 horas, a Quintana dará a benvida ao grupo pontevedrés Black Stones, que fará un tributo aos anos 70 con recordos musicais da década. Na actuación tamén participarán membros dos grupos da movida viguesa dos 80 (Golpes Bajos e Siniestro Total). Black Stones comezaron recentemente a gravación do seu segundo disco con cancións propias, tras un primeiro traballo de versións, titulado Medio siglo.

A continuación, e na mesma Quintana, realizarase un tributo á música española dos 80, coa xira Explosión Pop 2009-2010. Trátase dun compendio dos cantantes máis representativos da década dos 80, iconos do mellor pop e rock en español, que se reúnen para rendir tributo á época dourada da música española. Serán aproximadamente dúas horas e media de música para todos os seus fans.

Este evento conta cunha banda base composta por ilustres músicos da movida, que interpretan os temas máis célebres mentres desfilan polo escenario protagonistas de dita época como Julián Hernández de Siniestro Total, Iñaki Fernández de Glutamato Ye-Yé, Josele Santiago de Los Enemigos, Javier Andreu de La Frontera, e Germán Coppini de Golpes Bajos, todos eles cantando as súas cancións máis significativas.

Finalmente, o grupo Klezmatics tocará no Toural a partir da unha da madrugada. É un grupo mundialmente coñecido dentro do xénero klezmer e gañadores do Grammy 2006 da World Music. Formáronse na marxe leste de Nova York en 1986 e dende entón déronlle un xiro revitalizante a este tipo de música.

Compartir: