EDUCACIÓN

O Centro de Interpretación do Medio Rural de Portela inicia as súas actividades

28/07/2009 Abriu as súas portas o Centro de Interpretación do Medio Rural de Santiago de Compostela, situado no que foi a escola rural de Portela, na parroquia de Figueiras. Este centro será un recurso importante para coñecer aspectos sobre o medio rural, a conservación do entorno e o uso razoable dos recursos.

Con motivo desta apertura, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, fixo unha visita a este novo equipamento municipal e convidou aos veciños de Compostela a visitalo. Alí, atoparán un programa de actividades dirixido a poboación de Santiago e comarca. Pero neste centro tamén se realizarán programas específicos para grupos organizados de estudantes dos diferentes niveis educativos dos centros de ensino, asociacións xuvenís e outros colectivos dos concellos de Galicia.

Outra opción dispoñible é o desenvolvemento de seminarios e cursos de formación, organizados polo concello de Santiago de Compostela ou, previa solicitude acompañada dun programa, por outros colectivos e asociacións. O número máximo de usuarios por actividade é de 60 persoas.

Entre as actividades previstas figuran xornadas e conferencias, visitas a lugares de interese (potabilizadora, depósitos de auga, plantas de reciclaxe...), roteiros (zona da Portela, Figueiras, Monte Pedroso, castro de Marmancou...) ou obradoiros (ecoloxía, tradicións galegas, astronomía, cambio climático, ciclo da auga...).

A participación no centro pode incluír, dependendo de cada proposta, servizos de hospedaxe, monitoraxe ou comidas, entre outros servizos. En función destes servizos establecéronse unha taxas. Así, o prezo para cada neno por actividade establécese nos catro euros, mentres que se inclúe a comida serán 7 euros. A xornada diaria con comida son 10 euros e o aloxamento 16 euros.

Un curso monográfico de fin de semana custará 20 euros e un obradoiro con comida de 17 euros. Os obradoiros con aloxamento de fin de semana terán un prezo de 30 euros. Tamén se fixaron taxas para adultos que van dos 7 aos 35 euros.

Compartir: