CIRCULACIÓN VIARIA E MOBILIDADE

Presentado o dispositivo de tráfico e transporte para o concerto de Bruce Springsteen no Monte do Gozo

28/07/2009 O Concello de Santiago preparou para o domingo 2 de agosto un operativo especial de tráfico e transporte para o concerto que Bruce Springsteen celebrará no Monte do Gozo a partir das 22:00 horas. Este concerto será o que máis xente teña traído á cidade dos celebrados ata o momento.

Os concelleiros de Circulación Viaria e Seguridade Cidadá, Marta Álvarez-Santullano, e de Mobilidade e Transportes, Carlos Nieves, presentaron o operativo preparado para este día. A primeira insistiu na recomendación de que a xente utilice o transporte público e acceda a pé ao Monte do Gozo.

Álvarez-Santullano explicou que queda prohibida a instalación de calquera posto de venda ambulante na vía pública. Ademais, prohibirase o estacionamento de vehículos nas seguintes rúas dende as 8:00 horas do 2 de agosto:
- rúa das Estrelas, dende a rotonda baixo o vial Torrente Ballester ata o cámping do Monte do Gozo.
- rúa de San Marcos.
- rúa do Gozo.
- rúa de San Martiño, tramo comprendido entre a rotonda de Aríns e a N-634, por diante do Hotel Los Abetos.
- rúa de Senande.

Restricións circulatorias
Haberá restricións circulatorias a partir das 8:00 horas:

- Prohíbese o acceso ao complexo do Monte do Gozo, excepto para servizo de zona e residentes, dende a Costa de San Marcos (antiga N-634).

- Prohíbese a circulación pola rúa San Marcos, no tramo comprendido entre a capela e a rúa do Gozo.

- Permitirase o acceso ao Monte do Gozo desde San Marcos mentres existan bolsas de estacionamento na zona.

- Debido ás limitacións de estacionamento nas inmediacións do Monte de Gozo, cando a capacidade se atope ao límite cortarase ao tráfico a rúa das Estrelas, permitindo unicamente o paso ao transporte público, residentes e persoal acreditado.

- Cortarase a circulación na rúa das Estrelas, tramo comprendido entre o cámping e a rotonda de Aríns.

- Tamén se corta o tráfico na rúa de San Martiño, tramo comprendido entre a antiga N-634 (costa de San Marcos) e a rotonda de Aríns (diante do hotel Los Abetos).

Accesos ao Monte do Gozo
Polo que se refire aos accesos ao Monte do Gozo, os vehículos procedentes da A-54, autovía de Lavacolla, farano a través da saída en San Marcos, sinalizada como San Marcos e Monte do Gozo. Os procedentes da zona norte (N-550) accederán a través da SC-20, vieiro Camilo José Cela, Autovía A-54 e saída en San Marcos – Monte do Gozo.

Os condutores que se acheguen pola AP-9 deberán optar pola saída 67, San Lázaro. Finalmente, dende o centro da cidade circularase pola avenida de Lugo, avenida Torrente Ballester e saída no Monte do Gozo.

Accesos ao centro da cidade
Os vehículos que circulan pola AP-9 e que queiran acceder ao centro da cidade, recoméndase que empreguen a saída 72 (estrada de Ourense), xa que a saída 67 pode rexistrar elevada circulación con destino ao concerto.

Zonas de estacionamento
Habilitaranse áreas da aparcamento no estadio de San Lázaro, no estacionamento do Palacio de Congresos, nas pistas entre a AP 9 e a rúa San Martiño, nas vías anexas á N 634 (detrás do Hotel Apóstolo Santiago) e en Salgueiriños.

Ante a insuficiencia de prazas de estacionamento prégase aos asistentes estacionen os seus vehículos no casco urbano e empreguen o transporte público. En caso contrario, que accedan con antelación suficiente e estacionen os vehículos seguindo a sinalización colocada ao efecto.

As persoas con mobilidade reducida deberán poñerse en contacto co departamento de Tráfico para facilitarlles o acceso ao recinto.

TRANSPORTE URBANO

Pola súa parte, Carlos Nieves indicou que, con motivo do concerto, dende o día anterior ao mesmo, sábado 1 de agosto, e ao longo do día 2, os autobuses da liña 6 levarán o cartel de servizo especial "Monte do Gozo – Concerto Bruce Springsteen".

Esta liña verase reforzada. Deixará os usuarios na rúa Costa de San Marcos (diante do Hotel Apóstolo Santiago), a escasos metros do auditorio do Monte do Gozo. Percorrido da liña 6: Castiñeiriño, Paxonal, Amor Ruibal, Hórreo, Virxe da Cerca, rúa de San Pedro, Concheiros, Fontiñas, Valiño, San Lázaro e Costa de San Marcos.

Os servizos extraordinarios comezarán a operar dende as 17:00 horas, tendo como punto de partida as rúas do Hórreo (fronte ao Parlamento de Galicia) e a Rosa, con dirección ao Monte do Gozo.

A volta estará cuberta pola práctica totalidade da flota que partirá da rúa das Estrelas para chegar ao Hórreo.
Para este servizo aplicaranse as tarifas ordinarias. A empresa municipal TUSSA pon a disposición de todos os usuarios o número de teléfono 901 12 00 54 e a súa páxina web www.tussa.org.

Compartir: