ALCALDÍA

O alcalde propón a concesión da medalla de ouro da cidade a Xerardo Fernández Albor

27/07/2009 Na orde do día do pleno que a Corporación Municipal celebrará o xoves 30 de xullo, recóllese a proposta do alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, pola que se concederá a medalla de ouro da cidade AO doutor Xerardo Fernández Albor, primeiro presidente da Xunta de Galicia.

A proposta da Alcaldía nace " en recoñecemento ao seu extraordinario traballo como profesional da medicina, á súa contribución ao diálogo e encontro entre os diferentes sectores sociais e políticos de Galicia e de Santiago en particular, así como pola súa intervención para a designación de Santiago como sede das institucións autonómicas".

Con este nomeamento, o Concello pretende "render homenaxe a unha persoa que como primeiro presidente da principal institución autonómica contribuíu decisivamente ao desenvolvemento do Estatuto de Autonomía de Galicia, aprobado no ano 1981, e á consolidación dos principios democráticos inspiradores do Estado das Autonomías na nosa comunidade e por extensión na comunidade europea, así como pola súa activa participación na vida política, social e cultural da cidade, colaborando e participando na creación de numerosas institucións e entidades que perduran na actualidade".

Documentos relacionados



Compartir: