CONSORCIO

As cabaleirizas da Casa do Deán e o Patio da Parra permanecerán abertos ao público no mes de agosto

27/07/2009 Dende o 28 de xullo e durante todo o mes de agosto, o Patio da Parra, as cabaleirizas monumentais e as dependencias anexas da Casa do Deán de Santiago de Compostela, estarán abertas ao público de forma gratuíta. O horario será de 12:00 a 14:00 horas pola mañá e de 17:00 a 22:00 horas, pola tarde, durante todos os días da semana.

O pazo barroco coñecido como Casa do Deán é un dos edificios máis emblemáticos da zona histórica de Santiago e está recoñecido como edificación monumental. A rehabilitación levada a cabo polo Consorcio de Santiago permitiu recuperar partes do edificio que nunca antes se amosaran, e que o Cabildo destinará á mellora e ampliación da Oficina de Recepción do Peregrino, xa que neste edificio é onde se entrega a Compostela.

Os traballos realizados polo Consorcio comprenderon o Patio da Parra, espazo interior do conxunto monumental, e as dependencias anexas, como son o corpo aterrazado de acceso, a pequena edificación asoportalada do número 3 da rúa do Vilar, as antigas cabaleirizas monumentais e unha edificación auxiliar. Todo cunha superficie útil total de 830 metros cadrados.

O obxectivo último é mellorar a asistencia e servizos que se prestan na actualidade aos peregrinos. Deste xeito, as antigas cabaleirizas do inmoble converteranse en salón de estancia e espera dos peregrinos, habilitando un espazo para consigna das súa mochilas e aseos, adaptados para persoas con mobilidade reducida e con cambiador de bebés.

Tamén se rehabilitaron os locais comerciais da rúa do Vilar, que se poñerán en funcionamento vinculados ao Patio da parra e á actividade de recepción de peregrinos. Igualmente, recuperáronse estancias na segunda planta, na que se instalaron os novos despachos nos que a partir de agora se expedirá a Compostela. Os traballos completáronse cunha restauración vexetal do Patio da Parra. Ademais do tratamento fitosanitario da parra histórica plantáronse outras especies e herbas aromáticas.

Compartir: