OFRENDA DO APÓSTOLO

O presidente da Xunta pide ao Apóstolo que Compostela sexa o símbolo do comezo dun tempo novo

25/07/2009 O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, realizou, como Delegado Rexio, a Ofrenda Nacional ao Apóstolo Santiago. Na súa intervención, que reivindicou a idea europeísta e os valores do fenómeno xacobeo, o oferente pediu a súa intercesión para un próspero futuro de Galicia e, de modo máis inmediato, para o éxito do Xacobeo 2010. E neste camiño cara o futuro, referiuse a Compostela como o símbolo do "comezo dun tempo novo".

Como cada 25 de xullo, os actos da Ofrenda comezaron co pase de revista do Delegado Rexio ás tropas e o saúdo ás autoridades presentes na praza do Obradoiro. Despois, Núñez Feijoo e o resto de autoridades dirixíronse á Catedral para asistir á Santa Misa. Alí, o titular da Xunta pronunciou unha Ofrenda que comezou con palabras de agradecemento ao Rei por elixilo como representante nesta celebración.

A primeira parte da súa intervención tivo como referentes Compostela, o Apóstolo e o fenómeno xacobeo. "As vellas utopías escúlpense en pedra no Obradoiro, nunha pedra que non ten a frialdade das teorías faltas de humanidade, senón que garda o eco de millóns de peregrinos, homes e mulleres, que aquí puideron dende sempre elevar o seu espírito", indicou. Ademais, lembroulle ao Santo que a súa historia era semellante á de Galicia, "unha historia de emigración, de sufrimento e sacrificio, na que finalmente triunfa a entrega aos demais".

Europa e a xuventude
Núñez Feijoo reivindicou a idea europeísta, da que "brota a beleza da nosa identidade". Por iso, pediulle ao Apóstolo "ánimo para os dirixentes da Unión Europea, que traballen eficazmente por un ben común que responda ás necesidades reais de todos". Pero non pediu só protección para Europa, senón tamén en particular para a "España democrática que nos une nun presente e nun futuro común". "Na España de hoxe, a bandeira da libereade e o equilibrio e xusto entre comunidades, agrúpanos a todos e permite que as discrepancias enriquecedoras se resolvan como en cualquera democracia", engadiu.

O oferente amosou o seu orgullo pola xuventude actual: "A súa xenerosidade, a súa alegría, a súa entrega a labores sociais de todo tipo mediante organizacións relixiosas ou laicas, son un exemplo para toda a sociedade e os seus gobernantes. A pesar de vivir nun mundo nada fácil, a gran maioría dos nosos xóvenes loitan con arroxo por mellorar a súa formación e ser útiles aos máis desfavorecidos, sen buscar outra cousa que responder aos seus desexos solidarios".

Identidade e dinamismo para Galicia
Nas palabras de Núñez Feijoo tamén houbo "a petición e o desexo de que os galegos e as galegas non perdamos nunca a capacidade de sermos, no medio de tanta complexidade, capaces de manter vencellos de entendemento para comprender a mestura de xentes e culturas que identifica ao noso tempo". Por iso, solicitoulle ao Apóstolo protección para o noso país. "Aluméanos as seus gobernantes para que saibamos escoitar as inquedanzas da xente. Amortece os aloucos dos galegos que viven sen esperanza, e fai que medre o espírito solidario dos máis afortunados. Danos inspiración para que o noso goberno e todas as institucións de Galicia sigamos a ser unha ferramenta útil para acadar o ben común de todos", dixo.

O presidente da Xunta definiu unha Galicia entendida como unha cidade única, vital e emprendedora, que "ten un lugar reservado entre as comunidades que farán deste século o momento que concilie innovación e xustiza, solidariedade e progreso, compromiso e liberdade, identidades e universalismo". Porque "a identidade non é inmobilismo, nin só lembranzas, senón dinamismo" e porque "Galicia sabe conxugar o que foi co que será", demadoulle ao Apóstolo Santiago a súa intercesión "para construír esa ponte que nos vai permitir seguir sendo o que somos, sen deixar de formar parte dun mundo en perpetua evolución". "Axúdanos a manter sempre aceso o facho da nosa identidade, sen esquecer que o futuro forma parte de nós, e nós formamos parte do futuro", insistiu.

Xacobeo 2010 e o papel de Compostela
Xa referíndose ao futuro máis inmediato, Núñez Feijoo pediu para que "o Ano Santo do 2010, segundo deste terceiro milenio, colabore na tarefa da recuperación dos valores máis auténticos do humanismo". Queremos que, neste mundo necesitado de accións globais para dar resposta aos retos políticos, sociais e medio ambientais, o Xacobeo se converta tamén nun gran punto de encontro no que razón e fe se dean a man, como peregrinos que son no mesmo camiño que conduce á liberdade e a felicidade dos homes".

O presidente da Xunta rematou a súa intervención con palabras para Compostela, definida como "fío de coser hourizontes". Lembrando que "tantas veces serviu de faro espiritual a unha humanidade necesitada de guieiros", solicitou que "volva a ser o comezo dun tempo novo".

Recepción en Raxoi
Tras a homilía de resposta ao oferente do arcebispo compostelán, Julián Barrio, e rematado o acto relixioso, a comitiva desprazouse ata o Concello, onde o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu ao Delegado Rexio, quen asinou no Libro de Honra da cidade. Este realizou alí outra breve intervención.

Entre as autoridades presentes na Ofrenda, ademais do presidente da Xunta e do alcalde de Santiago, estaban, entre outros, o ministro de Fomento, José Blanco; a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo; o delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro; os ex presidentes autonomicos Manuel Fraga e Xerardo Fernández Albor; varios conselleiros da Xunta e diversas autoridades políticas, militares, xudiciais e académicas.

Compartir: