FESTAS

Unha viaxe a través dos sentimentos encheu de cores e luces a praza do Obradoiro

24/07/2009 Milleiros de persoas presenciaron un ano máis os Fogos do Apóstolo dende a praza do Obradoiro e diversos puntos da cidade. O asistiu ao singular espectáculo ideado por Parente Fireworks, unha viaxe multimedia a través dos sentimentos do home na que a as cores, a música e a pirotecnia se fundiron harmonicamente.

A vida é un sentimento era o título dun espectáculo que comezou coa aparición no ceo compostelán dun globo aerostático luminoso coa imaxe da terra. Ao ritmo dunha sinfonía de Mahler, os espectadores foron transportados á historia do seu mundo interior. O globo xa non abandonaría o ceo durante os máis de 30 minutos do espectáculo.

Posteriormente comezou a viaxe polos sentimentos ideada polos creadores desta montaxe, na que as proxeccións sobre a Catedral se combinaron cos fogos pirotécnicos, coa música e con textos de Rosalía de Castro, Álvaro Cunqueiro ou Federico García Lorca para abrir cada un dos bloques. Nun deles, o da felicidade, un problema técnico provocou unha breve interrupción do espectáculo.

Tras un intenso momento pirotécnico e tras proxectar a palabra sentimento en varios idiomas, xurdiu o primeiro deles, a melancolía, cuxa alegoría tinguiu de cores violetas a Catedral. Foi este un dos momentos máis sosegados da noite.

A cor evolucionou ata converterse nun amarelo para representar os celos. O público puido escoitar a Les Tambours du Bronx ao tempo que sobre o templo se proxectaban a ritmo vertixinoso imaxes de filmes alusivas a este sentimento, a través dos rostros.

Da esperanza á felicidade
En contraste cos celos, a viaxe continuou cara a esperanza, representada con cores verdes e amenizada coa peza On earth as It is in heaven, de Ennio Morricone. Fotogramas de movementos e momentos poéticos combináronse nesta parte da montaxe.

Do verde pasouse ao laranxa para simbolizar a felicidade. As fachadas enchéronse de flores mentres soaban os acordes de Celtic Rain, de Mike Oldfield. As flores convertéronse aquí na vía para comunicar os sentimos positivos nesta particular viaxe cara o coñecemento.

Fé, amor e o Ave Fénix
A fe foi outro dos sentimentos que o espectáculo recreou, neste caso a través da cor azul nos seus diversos tons, intentando infundir a tranquilidade aos espectadores. Foi un momento de conxunción e de imaxes alusivas a Santiago e ao Camiño. E tamén resultou a ocasión escollida para queimar a fachada gótica.

O espectáculo explotou cara o vermello para representar o amor. A historia da humanidade reflectiuse a través imaxes que reproducían momentos de bicos cinematográficos, nun intento de transmitir un desexo de paz, amor e fe.

Tras un estoupido de imaxes de lume e pirotecnia, espectáculo pechouse co Ave Fénix. Foi o momento no que a Terra baixou do ceo e a pirotecnia alcanzou unha especial intensidade, ao tempo que se proxectaban en diferentes idiomas as palabras que representaban os sentimentos retratados ao longo da montaxe. Así se pecharon máis de 30 minutos de harmonía audiovisual e poética

Compartir: