FESTAS

Uns 200 figurantes desfilarán pola Ferradura para conmemorar o centenario da Exposición Rexional de 1909

24/07/2009 A xornada grande das Festas do Apóstolo, o 25 de xullo, comezará coa tradicional Ofrenda ao Apóstolo Santiago na Catedral. Será ás dez da mañá. Xa pola tarde, celebrarase o desfile que conmemorará o centenario da Exposición Rexional de 1909.

A actividade festiva centrarase na Alameda. A partir das 19:30 horas comezarán os actos programados dentro da Conmemoración do Centenario da Exposición Rexional de 1909. Santiago de Compostela celebrou no ano 1909 a Exposición Rexional Galega, por iniciativa da chamada Liga de Amigos de Santiago. Foi unha mostra artística, cultural e industrial que inaugurou o rei de España Alfonso XIII o 25 de xullo daquel ano xubilar compostelán. Segundo os seus promotores, pretendíase con este evento rexurdir o ideal da terra galega e da súa xente.

A exposición prolongouse durante meses e tivo varias sedes, entre elas, o edificio de San Clemente e a actual gardería de Santa Susana, mostra da típica arquitectura balnearia francesa da época. Ademais do seu carácter misceláneo, onde se exhibían exemplos da industria e a cultura galegas, a exposición completouse cun cinematógrafo, carrusel mecánico, circo ecuestre, atraccións de tiro, restaurante e quiosco de flores e tabaco, entre outros elementos cautivadores.

A organización das festas creou unha comisión cidadá para preparar un desfile de época, coa idea de reproducir unha escena de usos e costumes de principios do século XX, que supuxeron uns anos de progreso e certo esplendor. O día 25, á tardiña, a comitiva congregarase na zona do estanque dos patos da Alameda, para facer un percorrido pola Ferradura: paseo dos Leóns, paseo das Palmeiras, monumento a Rosalía de Castro, busto en pedra de homenaxe a Pedro Pais Lapido –vedadeiro impulsor da celebración da Exposición Rexional de 1909– e gardería de Santa Susana, un dos edificios que foi sede da mostra.

Arredor de 200 figurantes participarán no desfile, que se compón, por esta orde, da Banda de Cornetas de Santiago, dúas carrozas, espectáculo de cabaré, unha camioneta de 1930 con músicos, xigantes e cabezudos, persoas ataviadas co traxe galego, un coche de cabalos, damas, cabaleiros e nenos, outro coche de cabalos con gardas, máis figurantes, catro coches antigos de 1916, 18, 22 e 25, grupo de munícipes, militares e, pechando, a Banda Municipal de Santiago.

Concurso de traxes de época e automóbiles antigos
Ademais desta cita, outro momento importante será o percorrido e concurso de traxes de época e automóbiles antigos. Arredor de cen persoas, entre condutores e acompañantes, participan nesta exhibición. Percorrerán, dende as 18:00 horas, as seguintes rúas: Rosalía de Castro, Avenida Xoán Carlos I, Porta Faxeira, Rúa do Vilar e Praza de Praterías.

Ás 19:00 horas celebrarase o concurso de traxes de época cunha exhibición ante o xurado para, posteriormente, concentrarse no Obradoiro. Os participantes vestirán traxes axeitados coa época do coche que conducen. Participan 44 coches, o máis antigo de 1907 (Brush). Segundo o delegado en Santiago do Club Gallego de Automóviles Antiguos, Emilio Fraga, a Volta 2009 de vehículos antigos comezou en Vigo e percorreu diferentes puntos das rías e camiños xacobeos da costa ata chegar a Santiago.

Pola noite, haberá diversas citas musicais. Ás 22:30 horas, a orquestra Tango amenizará cos seus sons a todos os que se acheguen ata a Alameda. E ás 23:00 horas os Gaiteiros de Lisboa e Pepe Vaamonde Grupo ofrecerán un gran concerto de música folk na Quintana.

Compartir: