PROMOCIÓN ECONÓMICA

Última semana para solicitar axudas para a creación e consolidación de novas empresas en Santiago

24/07/2009 O 31 de xullo remata o prazo para presentarse ás convocatorias de Axudas para a creación de novas empresas e Concurso de novas ideas empresariais, do programa de fomento do emprendemento Compostela Activa 2009, que desenvolve a Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo. Enmarcado no Servizo de Apoio á Empresa, ten como obxectivo axudar a aquelas persoas que queiran desenvolver un novo proxecto empresarial no Concello de Santiago.

Para quen teña unha idea de negocio, pero non dispoña de medios para materializala, o Servizo organiza o concurso; e para axudar a que se consoliden as empresas de recente creación, convoca a liña de incentivos. As persoas ou empresas interesadas poden obter máis información a través da web www.maiscompostela.org, ou no correo electrónico sae@santiagodecompostela.gal.

O programa Compostela Activa 2009, posto en marcha en 2005, conta en 2009 cun orzamento de 170.000 euros, dos que 44.948 son aportados pola Deputación de A Coruña. Desta cantidade, 104.000 euros destínanse ao concurso e a axudas para novas empresas, e o resto repártese entre formación e a Xornada Emprende en Compostela.
O Concurso de novas ideas empresariais ten como obxectivo apoiar ás persoas que teñen unha idea de negocio, facilitando a posta en marcha do seu proxecto empresarial. Establécense seis categorías distintas fronte ás tres da edición anterior, cun premio de 4.000 euros para cada unha delas. Son: Novas ideas empresariais categoría xeral, Novas ideas empresariais promovidas por mulleres, Novas ideas empresariais promovidas pola xuventude, Novas ideas empresariais categoría Autoemprego, Novas ideas empresariais Comercio-Turismo, e Novas ideas empreariais Industria-Servizos avanzados para empresas.

Axudas para a creación de novas empresas ten como obxectivo axudar economicamente aos novos negocios a consolidarse. Poden optar a estes incentivos as persoas físicas ou xurídicas que iniciaran a súa actividade entre o 1 de outubro de 2008 e o 31 de xullo de 2009, teñan a súa sede social, fiscal e de actividade no Concello de Santiago, e a súa actividade empresarial sexa viable económica, financeira e tecnicamente. Cada proxecto empresarial pode percibir como máximo 3.000 euros. A axuda poderá acadar o 100% dos gastos subvencionables, é dicir, os considerados como correntes e de primeiro estabelecemento realizados entre o 1 de xaneiro e o 31 de xullo de 2009. En 2008 beneficiáronse destes incentivos 22 empresas.

As persoas e/ou empresas interesadas en presentarse tanto ao concurso como á liña de incentivos, poden solicitar asesoramento gratuíto no Servizo de Apoio á Empresa de Promoción Económica. O persoal do SAE informaraas sobre a tramitación e presentación da documentación requirida nas bases, e axudaraas a elaborar o plan de empresa demandado en cada unha das convocatorias. Poden contactar co SAE a través do correo electrónico sae@santiagodecompostela.gal, nas oficinas de Promoción Económica, localizadas no Estadio de San Lázaro, porta 9, (teléfono 981 542 493); ou nas oficinas da rúa do Hórreo, 100 (teléfono 981 568 752). O horario de apertura é de 09:00 a 14:00 horas.

Compartir: