FESTAS

A Carpacabaré encherá de música e bailes de can can as tardes da Alameda

23/07/2009 O concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro, presentou nas escalinatas da Escola Infantil de Santa Susana (Alameda) a Carpacabaré e o desfile da Conmemoración do Centenario da Exposición Rexional de 1909. A compañía Femme Fatale porá a música e o baile de cabaré ás tardes do 25 ao 28 de xullo na Alameda.

Segundo explicou Baqueiro a compañía teatral realizará diferentes espectáculos de cabaré: Cabaré Puro e Duro, Pantasmagórico, Circo e Bohemio. Estas catro temáticas terán unha posta en escena única, coa música, bailes e can can dos típicos salóns parisinos. "Será un espectáculo de improvisación e intervención urbana", engadiu.

A compañía conta con catro músicos de jazz (caixa, tuba, saxo e trompeta), acompañados de cinco actrices e un mestre de cerimonias que percorren as rúas a golpe de purpurina, tacóns e altas doses de glamour envoltos baixo un fío conductor coreográfico. Pero no seu paso polas festas compostelás contarán co apoio artístico de diversos grupos e compañias: a banda St James Street Band, a compañía Pajarito, a banda Micky Nervio & The Bluesmakers, a compañía Assircópatas, a compañía Alfredo Pérez Muíño, orquestra Miñor Swing, a compañía Familia Crowley e a orquestra Desvarietés.

Unha estampa dos tempos da Exposición Rexional de 1909
As Festas do Apóstolo inclúen no seu programa unha significativa novidade para conmemorar o centenario da Exposición Rexional Galega, que inaugurou en Compostela o rei Alfonso XIII o 25 de xullo de 1909.

A organización das festas creou unha comisión cidadá para preparar un desfile de época, coa idea de reproducir unha escena de usos e costumes de principios do século XX, que supuxeron uns anos de progreso e certo esplendor. O día 25, á tardiña, a comitiva congregarase na zona do estanque dos patos da Alameda, para facer un percorrido pola Ferradura: paseo dos Leóns, paseo das Palmeiras, monumento a Rosalía de Castro, busto en pedra de homenaxe a Pedro Pais Lapido –vedadeiro impulsor da celebración da Exposición Rexional de 1909– e gardería de Santa Susana, un dos edificios que foi sede da mostra.

Arredor de 200 figurantes participarán no desfile, que se compón, por esta orde, da Banda de Cornetas de Santiago, dúas carrozas, espectáculo de cabaré, unha camioneta de 1930 con músicos, xigantes e cabezudos, persoas ataviadas co traxe galego, un coche de cabalos, damas, cabaleiros e nenos, outro coche de cabalos con gardas, máis figurantes, catro coches antigos de 1916, 18, 22 e 25, grupo de munícipes, militares e, pechando, a Banda Municipal de Santiago.

O edil de Festas, Xosé Baqueiro, confía en que "uns e outros nos metamos no papel e, entre todos, consigamos unha estampa elegante, expresiva e mesmo esplendorosa da vida daqueles anos arredor da Exposición Rexional, que durou varios anos a atraeu a milleiros de visitantes a Santiago".

Queima da fachada gótica
Ás once e media da noite a cidade quedará iluminada polo espectáculo que ofrecerá a empresa italiana Parente Fireworks nesta nova edición das Festas do Apóstolo. Utilizaranse máis de 2.000 quilos de material pirotécnico que soarán durante 36 minutos e medio.

A exhibición estará dividida en oito cadros que simbolizarán unha viaxe de luz e cores a través dos sentimentos do ser humano (melancolía, celos, esperanza, felicidade, fe, amor) que concluirá o seu percorrido cunha explosión cósmica de unión entre o ceo e a terra (simboloxía do Ave Fénix). Os fogos artificias brillarán na cidade acompañados por versos de Rosalía de Castro, Álvaro Cunqueiro e Federico García Lorca que foron escollidos polo cantautor Amancio Prada e serán locutados pola voz de Salvador Campoy.

Ademais, e como novidade dos fogos deste ano, realizarase unha retransmisión do espectáculo a través de tres emisoras de radio. Serán Radio Galega (96.2 da FM), a SER (873 da AM) e Radio Obradoiro (102.1 da FM, ademais doutras dúas frecuencias: 100.2 e 95.0 da FM).

Roy Paci
Unha vez que finalicen os fogos, todo o público poderá seguir gozando da festa. Para iso hai programados dous concertos: Roy Paci & Aretuska e La Caja de Pandora. Os italianos Roy Paci & Aretuska tocarán a partir das 24:00 horas na praza da Quintana. Este trompetista, compositor e arreglista naceu en Sicilia en 1969. Antes de sacar o seu primeiro traballo, Baciamo le mani, colaborou con varios cantantes como Manu Chao e Macoca, entre outros. No 2002 realizan un tour por Italia e Europa coa banda. Tocan en diferentes programas de televisión, dan máis de cen concertos e realizan dous vídeos. Anos máis tarde presentan o seu segundo disco, Tuttapposto. Pola súa parte, La Caja de Pandora poñerá música no Toural desde as 24:30 horas.

Compartir: