CONSORCIO

O Consorcio e a editorial Alvarellos conmemoran cun libro o centenario da Exposición Rexional de 1909

23/07/2009 Con motivo do centenario da Exposición Rexional Galega de 1909, o Consorcio de Santiago e a editorial Alvarellos publican Santiago, 1909, libro que fai un repaso do que foi un dos máis importantes acontecementos en Santiago no século XX.

Escrito a modo de crónica e baseándose en fontes hemerográficas, Santiago, 1909. Centenario da Exposición Rexional Galega inclúe unha ampla colección de fotografías e ilustracións da época, a máis completa editada ata hoxe. O libro forma parte da Biblioteca de Divulgación Xacobea do Consorcio de Santiago, que xusto cen anos despois, recupera nun libro a memoria "daquela peculiar simbiose de arte e industria".

O alcalde compostelán e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, presentou na Alameda este libro, que conta cun limiar escrito pola profesora Margarita Barral, no que sinala os principais aspectos históricos da exposición. Así, salienta como supuxo a apertura urbanística da cidade cara ao sur. Tamén actuou como unha forza que implicou activamente á cidadanía e contribuíu a iniciar a superación de atraso económico que caracterizaba a Galicia dende o final do Antigo Réxime.

A exposición contaba con diferentes edificios, os primeiros modernistas na cidade, e completábase cun cinematógrafo, un carrusel mecánico, un circo de cabalos, atraccións de tiro e un restaurante, situado no edifico que hoxe alberga a gardería infantil da Alameda.

Viaxe á Galicia da época
O autor, Henrique Albarellos, presente tamén na rolda, viaxa á Galicia daqueles días para reconstruír a crónica da Exposición Rexional e recuperar máis de setenta fotografías e ilustracións únicas. A exposición de 1909 continuou unha tradición que comezara en Londres en 1851 coa primeira célebre Exposición Universal e que tivo os seus equivalentes rexionais en exposicións como a de Santiago, que ademais coincidiu co primeiro Ano Santo do século XX.

Inaugurada polo propio rei Alfonso XIII, a Exposición Rexional Galega colocou a Compostela á vangarda de Galicia, e durante os meses que estivo aberta recibiu unhas 50.000 visitas, o dobre da poboación de Santiago nesa época. O certame acolleu preto de 600 instalacións situadas en 11 grandes e singulares pavillóns, onde foron expostas máis de 10.000 pezas de arqueoloxía, obras de arte e historia.

Compartir: