EMPREGO

Promoción Económica impartirá cursos de balde por internet a través dunha plataforma de formación propia

22/07/2009 Nace a Plataforma de formación máiscompostela, á que se accederá dende a páxina web da Concellaría: www.maiscompostela.org. O seu obxectivo é dar resposta ás demandas formativas do mercado laboral e do tecido produtivo compostelá, a través dunha ferramenta de formación gratuíta, accesible, manexable, con titorías personalizadas, e á que o alumando pode acceder ás 24 horas do día.

O concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Xosé Manuel Iglesias, presentou esta Plataforma de formación máiscompostela, caraterizada pola eliminación de barreiras temporais e espaciais, xa que o entorno de formación on-line estará dispoñible para o alumnado durante 24 horas todos os días da semana, o que permite desenvolver a acción formativa dende calquera lugar: a propia casa, durante unha viaxe, etc. Esta dispoñibilidade de horarios axuda a facilitar a conciliación da vida familiar e laboral.

Outras características que presenta son a súa gratuidade e a súa multidisciplinaridade. Esta ferramenta foi deseñada dun xeito flexible, co fin de implementar diferentes plans de estudos segundo as necesidades de formación que en cada momento presenten as persoas desempregadas para acceder ao mercado laboral, o empresariado e mandos intermedios para aumentar a competitividade das empresas, e as persoas emprendedoras para desenvolver con éxito o seu proxecto empresarial.

13 cursos iniciais
Á Plataforma de formación máiscompostela pode acceder o equipo de xestión, o profesorado e o alumando dos cursos que, a partir de agora, organice a Concellaría de Promoción Económica a través do sistema de teleformación. As primeiras accións formativas que se impartirán son os 13 cursos de teleformación do Plan de formación e mellora de competitividade para os sectores industrial, da construcción, e do comercio e a hostalería (Plan de Formación 2009): Xestión Laboral, Xestión Contable, Xestión Tributaria, Liderado e xestión de equipos, Habilidades directivas, Calidade, Organizacion e comunicación na empresa, Axudas Públicas, Presentacións eficaces, Márketing e PEMES, Atención á clientela, E-marketing e Loxística integral. Contan cun total de 200 prazas xa cubertas, para as que se presentaron 637 solicitudes e está previsto que comecen a impartirse dun xeito progresivo, a partires do 29 de xullo, coincidindo co comezo do curso de Xestión Contable.

Documentos relacionados



Compartir: