MEDIO AMBIENTE E CIDADE HISTÓRICA

Entregados os premios do I Concurso de Balcóns da Cidade Histórica de Santiago

22/07/2009 Celebrouse a entrega dos premios do I Concurso de Balcóns da Cidade Histórica de Santiago, que organizaron as concellerías do Medio Ambiente e da Cidade Histórica. No acto de entrega estiveron presentes as persoas encargadas de cada un dos cinco balcóns premiados, así como todos os membros do xurado.

O 1º Premio recibiuno o balcón da rúa Entre Murallas 10, de Mario Piteira. O 2º Premio foi para o balcón da rúa San Paio de Antealtares 22, 2º, de José Manuel Varela e o 3º Premio correspondeu ao balcón da praza do Toural 1, 1º, de Rafael Romero. O premio do público recibirono ex-aequo os balcóns da rúa do Vilar, 68, 1º, presentado por Turismo Santiago e o da rúa de San Pedro, 23, 2º, presentado por María de Gádor Navarro López. Todos os premiados recibiron un libro de plantas e cultivo de pequenos xardíns, así como bonsais de ficus e araucarias.

O Concurso quixo chamar a atención sobre a importancia de recuperar os balcóns como elementos vivos da Cidade Vella. Por iso, premiouse a orixinalidade, conservación, harmonía e combinación de cores destes balcóns. Para facilitar a ornamentación dos balcóns, a organización distribuíronse de balde diferentes tipos de plantas.

A convocatoria do concurso tivo un dobre obxectivo: por unha parte, apoiar e fomentar o axardinamento de balcóns e terrazas e, pola outra, facer chegar ás persoas que participaron o recoñecemento do Concello de Santiago. Un reconecemento á cidadanía polo seu papel, insubstituible, na mellora estética e na calidade ambiental de prazas e rúas.

Os participantes puideron remitir as fotografías dos seus balcóns á organización, ou solicitar da mesma que se encargara da súa realización. As fotografías estiveron expostas na web do Concello www.santiagodecompostela.gal nunha microweb específica do Concurso, na mesma onde se puido votar o balcón máis fermoso.

O xurado realizou a avaliación dos balcóns valorando cuestións como o estado de conservación do balcón, a orixinalidade na ornamentación, a harmonía no crecemento das plantas, a combinación de cores, a variedade e calidade dos elementos vexetais ou a innovación de especies e elementos accesorios.

Compartir: