CONSORCIO

Xornadas de portas abertas para coñecer as recuperadas cabaleirizas da Casa do Deán

22/07/2009 O alcalde e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, fixo entrega ao Cabildo da Catedral das obras de recuperación e posta en valor do Patio da Parra, cabaleirizas monumentais e dependencias anexas do pazo barroco coñecido como Casa do Deán. As estancias recuperadas poñeranse ao servizo da Oficina de Atención ao Peregrino para converterse nun máis grande e acolledor centro de recepción, a poucos meses do inicio dun novo Ano Santo.

Para que os composteláns podan coñecer estas dependencias, nunca amosadas antes ao cidadán, o Consorcio e o Cabildo organizan cinco xornadas de portas abertas. O horario de apertura ao público será o mércores 22 de xullo, de 15:00 a 22:00 horas, e do xoves 23 ao domingo 26 de xullo, de 10:00 a 22:00 horas, de xeito ininterrompido.

Sánchez Bugallo destacou o "traballo ben feito" nestas dependencias, na "esencia" das intervencións que realiza o Consorcio en tarefas de rehabilitación. Os traballos comprenderon o Patio da Parra, espazo interior do conxunto monumental, e as dependencias anexas, como son o corpo aterrazado de acceso, a pequena edificación asoportalada do número 3 da rúa do Vilar, as antigas cabaleirizas monumentais e unha edificación auxiliar. Todo cunha superficie útil total de 830 metros cadrados.

Mellora da asistencia aos peregrinos
O obxectivo último é mellorar a asistencia e servizos que se prestan na actualidade aos peregrinos, tendo en conta que se trata do lugar no que se remata o Camiño e se recolle a Compostela. Deste xeito, as antigas cabaleirizas do inmoble convértense en salón de estancia e espera dos peregrinos, habilitando un espazo para consigna das súa mochilas e aseos, adaptados para persoas con mobilidade reducida e con cambiador de bebés.

Tamén se rehabilitaron os locais comerciais da rúa do Vilar, que se poñerán en funcionamento vinculados ao Patio da parra e á actividade de recepción de peregrinos. Isto permitirá liberar o vestíbulo de entrada monumental ao edificio das actividades comerciais alí instaladas. Xa se está a elaborar o plano de posta en valor deste vestíbulo, boa mostra do barroco compostelán.

Ademais, recuperáronse estancias na segunda planta, na que se instalaron os novos despachos nos que a partir de agora se expedirá a Compostela. Os traballos completáronse cunha restauración vexetal do Patio da Parra. Ademais do tratamento fitosanitario da parra histórica plantáronse outras especies e herbas aromáticas.

O importe total da actuación na Casa do Deán foi de 600.000 euros. O Cabildo cederá ao Consorcio un dos locais do edificio na rúa do Vilar durante 15 anos. Esta acción enmárcase na colaboración estable e permanente entre o Cabildo e o Consorcio en diferentes traballos de recuperación e posta en valor do patrimonio, neste caso do pazo barroco da Casa do Deán.

Na presentación destas dependencias rehabilitadas participaron, ademais do alcalde, o deán-presidente do Cabildo da Catedral de Santiago, José María Díaz Fernández; o xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva Prieto; e o xerente do Xacobeo, Ignacio Santos.

Compartir: