FESTAS

Máis de 250 persoas de todas as idades participarán no Día do Traxe Galego

21/07/2009 O concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro; a presidenta da Asociación do Traxe Galego, Rita Miramontes; e unha colaboradora da asociación, Concha Losada, presentaron en rolda de prensa a trixésima primeira edición do Día do Traxe Galego. Celebrarase, no marco das Festas do Apóstolo, o domingo 26 de xullo.

Segundo o concelleiro, o Día do Traxe é un acontecemento propio destas Festas. "É unha das actividades que forman parte do cartel tradicional do Apóstolo, un evento tradicional que se converteu co paso do tempo nunha cita ineludible para os veciños e turistas de Compostela" –destacou Baqueiro, "onde as rúas da cidade presencian o paso de todos os participantes, ataviados coas súas mellores galas". Ademais, Baqueiro convidou a toda a xente a participar nesta actividade.

Rita Miramontes fixo un chamamento a toda a cidadanía para que o domingo 26 saian ás rúas ataviados cos típicos traxes galegos. "Pedimos a colaboración de todas as persoas maiores, nenos e nenas que poidan dispoñer de traxes tradicionais para que os leven neste día e saian con nós ás rúas de Compostela; tamén ás agrupacións e escolas de música e danza galega tradicional para que ofrezan os fondos de vestiario das súas institucións aos alumnos", indicou. Ademais, Miramontes sinalou que se agarda unha participación de máis de 250 persoas entre o desfile e o concurso de todas as idades.

O día comezará coa concentración na Alameda ás 11:30 horas para saír máis tarde o desfile dende o seu paseo central. Percorrerá Porta Faxeira, Toural, Rúa do Vilar, Praterías e baixará ata o Obradoiro. Ás 13:00 horas terá lugar a misa solemne na Catedral, coa tradicional Ofrenda ao Apóstolo e o funcionamento do botafumeiro. Ás 13:45 horas, a Corporación Municipal ofreceralles unha recepción de honra.

Xa pola tarde, terá lugar o Certame do Traxe. Todos os que queiran participar deberán estar ás 16:00 horas en San Domingos de Bonaval (non se admitirán participantes a partir das 16:30 horas). O desfile comezará dende aquí ás 19:30 horas e percorrerá Bonaval, Casas Reais, Cervantes, Preguntoiro, Conga, Rúa Nova, Toural Rúa do Vilar, Praterías, Congas e entrará na Quintana pola rampa de San Paio e casa da Conga. O desfile continuará no interior da Quintana onde, ás 20:00 horas, comezará a exhibición de traxes e a entrega de premios.

As categorías de premios son: premio de traxe antigo completo; premio de traxe de cotío; e premio de traxe moderno, ademais dos agasallos para os nenos. Ao final do acto entregaranse os premios aos gañadores do certame e tamén os galardóns anuais da Asociación do Traxe Galego a persoas ou institucións destacadas polo seu labor na promoción e difusión dos traxes tradicionais. Finalmente, a Coral Polifónica de Compostela, interpretará o Himno Galego para pechar a celebración.

Para participar nos desfiles (tanto o da mañá como o da tarde) non é preciso inscribirse, unicamente os interesados deben presentarse na saída cuns minutos de anticipación. En cambio, para o certame deberán inscribirse antes do xoves 23, ás 14:00 horas, no Teatro Principal.

Gospel no Principal
O mércores 22, poderase asistir a un espectáculo de gospel en directo, no Teatro Principal, ás 22:30 horas, a cargo da agrupación Lousiana Gospel Choir. É unha mostra vibrante do conmovedor soul tradicional e o gospel moderno.

Albert Mickel é o fundador e director. Os seus compoñentes proceden de varias iglesias e representan unha brillante selección de artistas de Nova Orleans. O grupo componse, en función do evento, de 18 a 35 compoñentes, incluíndo acompañamento de órgano ou piano, guitarra, baixo e batería.

Compartir: