XUNTA DE GOBERNO

Nova ordenanza reguladora da instalación de ascensores en edificios residenciais

21/07/2009 A Xunta de Goberno aprobou o proxecto da ordenanza que regulará as condicións para a instalación de ascensores en edificios de carácter residencial. Esta norma dará solución aos problemas que poidan derivarse da instalación destes elementos, tan necesarios para mellorar as condicións de accesibilidade das vivendas.

A ordenanza determina cuestións como a ocupación do dominio público, o emprazamento dos ascensores tanto no interior como no exterior do edificio, a xustificación das solucións adoptadas, as dimensións ou as condicións a cumprir e n materia de accesibilidade, protección contra incendios ou superficies mínimas de iluminación e ventilación. Tamén se regula a necesidade de presentar estudos previos e de detalle, os proxectos técnicos ou a documentación a presentar.

O texto da ordenanza será remitido ao Pleno municipal para a súa aprobación inicial, tras a cal se abrirá o período de información pública e de presentación de alegacións. Resoltas estas, o Pleno aprobara definitivamente esta ordenanza para a súa entrada en vigor.

Tamén no ámbito do Urbanismo, aprobouse por urxencia a licenza solicitada Pola Dirección Xeral da Policía para a remodelación do edificio deste Corpo na avenida Rodrigo de Padrón. A contía na que se orzan estas obras ascende a 5.068.466 euros (sen IVE).

Benestar Social e Facenda
Outra ordenanza aprobada é de carácter fiscal e regulará a taxa polo servizo de axuda no fogar, que vén a substituír ao prezo público. A base impoñible está constituída polo tempo de utilización do servizo, medido en horas, por parte da persoa usuaria. Así, o tipo de gravame é o prezo unitario por hora de servizo, que se establece en 13,21 euros para días laborables de luns a venres, e 14,21 euros para domingos ou festivos.

A cota tributaria íntegra será o resultado de aplicar a base impoñible (número de horas da prestación) ao tipo de gravame (prezo por hora do servizo). Sobre a cota tributaria aplicaranse os correspondentes coeficientes en función da capacidade económica da persoa usuaria, de acordo cos baremos da Orde da Xunta que regula o servizo de axuda no fogar.

Urbana Santiago Norte
Na sesión do 21 de xullo aprobouse igualmente o reaxuste global de accións e orzamentos do proxecto Urbana Santiago Norte. En total, esta iniciativa conta cun orzamento de 11.433.590 euros, dos que 8.003.513 proceden dos fondos FEDER e 3.430.077 corresponden á achega municipal.

Tamén se deu o visto bo ao texto do convenio de atribución de funcións como organismo intermedio entre a Dirección Xeral de Fondos Comunitarios e o Concello, así como o anexo ao devandito convenio, no que aparecen a relación de accións e as achegas financeiras do FEDER correspondentes ao programa Urbana Santiago Norte.

O programa de intervención inclúe áreas como o fomento da integración social e igualdade de oportunidades, medio ambiente e tratamento de residuos, desenvolvemento do tecido económico, accesibilidade e mobilidade, fomento do uso eficaz da enerxía, cultura e patrimonio, infraestruturas de servizos ou formación profesional.

Educación
En Educación, adxudicáronse provisionalmente as obras de albanelería, pintura e carpintería nos CEIP e escolas rurais dependentes do Concello. Estas obras suporán un investimento de 104.706 euros máis IVE.

Ademais, tamén se determinou a empresa que realizará as obras de adecuación exterior da parcela onde se está a construír o edificio destinado a Escola Infantil no Polígono do Tambre. O importe de adxudicación é de 70.000 euros máis IVE.

Deportes
No ámbito dos Deportes, aprobouse a concesión para a temporada 2009/2010, con carácter gratuíto, do estadio Municipal de San Lázaro e do campo anexo San Lázaro II aos equipos SD Campus Stellae e SD Ciudad de Santiago SAD, que competirán en 2ªB, para adestrar e disputar os seus partidos oficiais como locatarios. Tamén se autoriza o cobro de entrada, a colocación de elementos publicitarios e a prestación do servizo de bar no Estadio de San Lázaro.

En relación con outras entidades deportivas da cidade, iniciáronse os trámites para unha transferencia de crédito de 233.000 euros. A cantidade a transferir incluirase como subvencións nominativas no actual orzamento a favor dos seguintes clubs e polas cantidades especificadas: Club A. Lobelle de Santiago, 154.500 euros; Club Arteal Tenis de Mesa, 20.800 euros; Club Tríatlon Bricosa, 18.000 euros; e Club Baloncesto Pío XII, 40.000 euros.

Promoción Económica
Finalmente, acordouse a renovación do sitio web da Concellería de Promoción Económica: maiscompostela.org. O custo desta actividade ascende a 20.532 euros.

Documentos relacionados



Compartir: