CULTURA

Cineuropa arrinca coa primicia de "Viva Zapatero", alegato contra a mordaza de Berlusconi en Italia

28/10/2005 Este ano Cineuropa regresa ás pantallas da Sala Yago e do Salón Teatro e por primeira vez incorpora como sala de exhibición a Fundación Caixa Galicia.

Máis de oitenta películas poderanse visionar na XIX edición do festival Cineuropa e que supoñen o maior número de títulos na historia deste certame. Cineuropa desenvolverase do 2 ao 30 de novembro e celebrará a súa sesión inaugural no Teatro Principal o vindeiro mércores ás 20:30 h co pase en primicia de "Viva Zapatero". Este filme de axitación da italiana Sabina Guzzanti convulsionou o pasado festival de Venecia coa súa airada denuncia da situación actual dos medios de comunicación e da liberdade expresión na Italia de Silvio Berlusconi, á vez presidente do goberno e propietario do maior grupo de comunicación italiano.

Este ano Cineuropa regresa tamén ás pantallas da Sala Yago e do Salón Teatro, e por primeira vez incorpora como sala de exhibición a Fundación Caixa Galicia da rúa do Vilar. As catro salas encabezadas polo Teatro Principal crearán un círculo cinéfilo na Cidade Vella de Compostela.

"Viva Zapatero", cuxo título xoga, segundo a súa autora, co "Viva Zapata" de Elia Kazan e coa idea que no seu país ten "a dereita berlusconiana ou vaticanista" de que Zapatero é "un diaño roxo". Esta película xa é un fenómeno sociolóxico en Italia e hai analistas que consideran que podería influír no resultado das vindeiras eleccións ao espir fronte á cámara a situación de risco para a democracia que supón, segundo o filme de Sabina Guzzanti, Silvio Berlusconi.

Nesta XIX poderanse ver en primicia as máis recentes obras de Lars Von Trier ("Manderlay"), de Kim-ki-Duk ("O arco), ou de Michael Haneke, cuxa celebrada "Caché", protagonizada por Juliette Binoche e Daniel Auteuil, será complementada no festival cunha ampla retrospectiva da filmografía do austríaco, autor, entre outras, de cintas do calibre de "Funny Games" ou "A pianista".

A XIX edición de Cineuropa promete tamén transgresión co filme de Taiwan "O sabor da sandía", premiado xa na Berlinale e no recente festival de Sitges e cuxa proposta é unha provocadora mirada á pornografía. Esta controvertida película de Tsai Ming-liang é o prato forte dunha ampla representación de cine chegado de Oriente, celuloide de corte fantástico e prantexamentos radicais, que está rompendo moldes desde hai uns anos no panorama internacional.

Cine transgresor: "Batalla en el cielo" y "Hard Candy", triunfadora absoluta en Sitges
Cineuropa apostará por un cine abertamente provocador. Nesa vocación, na que se inscribe a xa anunciada retrospectiva dedicada ao rompedor Michael Haneke e "O sabor da sandía", apúntanse dúas das películas máis controvertidas da temporada: "Hard Candy" e "Batalla en el cielo". Ademais poderemos ver por primeira vez no noso país a versión íntegra, de nove horas de duración, de "The Kingdom", a produción de corte fantástico que Lars Von Trier realizou con absoluta liberdade e que nunca chegou a visionarse nas salas.

Cineuropa estreará, dentro do seu espazo "Transgresións", o unanimemente celebrado filme norteamericano "Hard Candy", gañador absoluto no recente festival de cine de Sitges. Esta obra aborda a relación a través de internet entre unha adolescente e un adulto pederasta. Tamén neste mesmo ciclo de cine radical programase a mexicana "Batalla en el cielo", coa cal o realizador Carlos Reygadas levantou o maior escándalo do pasado festival de Cannes pola aberta provocación que propón. É unha aposta tan forte que i"Batalla en el cielo" xa é a película que máis debates xera no circuíto de festivais desta temporada.

Compartir: